- B. Villar: “Decidiron non apoiar a solicitude de duplicar o financiamento para o servizo de Emerxencias e Extinción de incendios de Ponteareas, e perdemos a oportunidade de ingresar 310.000 euros anuais, durante o próximos tres anos”.
Ponteareas, 4 de febreiro de 2022.- O Grupo Municipal do PP lamenta que nin o bipartito nin o grupo ACIP quixesen presionar á Deputación de Pontevedra para que aumenten a contía do convenio GES que fai referencia ao servizo de Extinción de incendios e Emerxencias en Ponteareas.
O Grupo Municipal do PP lémbralle ao bipartito e a ACIP, que duplicar o financiamento que recibe o Concello para este servizo, que é competencia municipal, favorece aos nosos veciños ademais de ser unha antiga reivindicación dos GES, coa súa flata de apoio deron as costas a veciños e a traballadores do servizo.
“Actualmente percíbese unha axuda de 155.000 euros. A Xunta de Galicia leva meses solicitando incrementar este convenio en ata os 310.000 euros anuais en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Isto supoñería atender as demandas dos GES que poderían ofrecer unha maior cobertura de emerxencias, garantir unha atención no menor tempo posible, mellorar a súa maquinaria e utensilios e aumentar o persoal xa que, desde hai anos, reclaman un aumento de persoal para poder cubrir polo menos as súas quendas de traballo”.
A irresponsabilidade de BNG, PSOE e ACIP de non apoiar a solicitude de duplicar o financiamento para o servizo de Extinción de Incendios e Emerxencias en Ponteareas, levou a que a Deputación non aceptase renovar o Convenio nos termos que propoñía a Xunta de Galicia, e Ponteareas perdeu a oportunidade de ingresar 310.000 euros durante o próximos tres anos.