O PP INSTA Á DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA A QUE DESTINE FONDOS PARA RENOVAR E AMPLIAR O CONVENIO GES E MELLORAR A COBERTURA DE EMERXENCIAS EN PONTEAREAS

  • A Xunta presentou un proxecto de ampliación de cobertura do Convenio existente desde 2013, que financian Xunta e Deputación, pero que necesita a aceptación e achega da Deputación Provincial.
  • Villar “Coa renovación deste convenio 2022-2024, Ponteareas duplicará a axuda que recibe ata os 310.000 euros anuais, actualizaríanse os salarios dos traballadores e incorporaríase novo persoal mellorando o Servizo municipal de Extinción de Incendios e Emerxencias”

Ponteareas, 23 de novembro de 2021.- O grupo municipal do PP presentou unha moción ao pleno local para instar á Deputación de Pontevedra a aceptar a ampliación do convenio que xa existe e achegar o financiamento necesario para renovalo para o desenvolvemento dos grupos de emerxencia supramunicipais no próximo período 2022-2024 e poder así mellorar as condicións laborais e a cobertura do mapa actual que dá servizo a Ponteareas.

Villar explicou que con este plan da Xunta preténdese mellorar a cobertura en materia de emerxencias e o servizo aos cidadáns, independentemente de onde vivan, mellorando tamén as condicións laborais dos traballadores, ampliando o persoal de forma que todos o GES teñan 12 efectivos mínimo e ampliar ampliando por tanto a cobertura que prestan na provincia.

“No caso de Ponteareas, que ao ter máis de 20.000 habitantes a competencia do servizo de extinción de incendios e emerxencias é municipal, a Xunta propón seguir colaborando e duplicar o financiamento que se está dando, pasando de 155.000 euros anuais a 310.000 euros. Por todo iso cremos conveniente renovar este convenio, que vai depender de se a Deputación de Pontevedra colabora no financiamento do mesmo. Esperamos obter o respaldo de todos os grupos da corporación local para instar á Deputación para aceptar este Convenio mellorado e ampliado, o que beneficiaría considerablemente a Ponteareas ao axudar ao goberno local na cobertura do servizo».