O proxecto avanza tras completar a adquisición de todas as parcelas necesarias e iniciar os primeiros movementos de terra na zona.
O Partido Popular de Ponteareas celebra un novo avance para facer realidade o futuro Centro de Día de Xinzo, despois de completar a adquisición da totalidade dos terreos necesarios para desenvolver esta importante infraestrutura social, que dará resposta ás necesidades das persoas maiores da parroquia e do conxunto do municipio.
Trátase dun traballo técnico e administrativo que requiriu unha importante labor de xestión, parcela a parcela, e que permite dispoñer xa de todo o solo necesario para continuar avanzando na materialización do proxecto. Ademais, xa comezaron os primeiros movementos de terra na zona, un paso que evidencia o avance desta actuación.
Desde o Partido Popular de Ponteareas subliñan que este proxecto representa un compromiso firme coa mellora dos servizos públicos, coa atención ás persoas maiores e coas súas familias, así como coa igualdade de oportunidades entre as distintas parroquias do municipio.
«Vivir nunha parroquia ou no centro da vila non pode significar ter máis ou menos oportunidades para acceder aos servizos públicos. As persoas maiores merecen unha atención digna, próxima e de calidade, independentemente de onde residan», destacan desde o PP local.
A formación popular considera que o futuro Centro de Día de Xinzo será un recurso fundamental para favorecer o benestar, a autonomía e a atención das persoas maiores, ao tempo que ofrecerá apoio e tranquilidade ás familias que precisan destes servizos.
O PP de Ponteareas tamén lamenta os intentos de boicot por parte da esquerda a unha actuación tan necesaria para a veciñanza. «Despois de oito anos gobernando Ponteareas, tiveron tempo dabondo para mellorar os servizos destinados ás persoas maiores e non o fixeron. Deixaron servizos desmantelados e moitas familias con persoas dependentes sen a atención que precisaban».
«Fronte á inacción e aos obstáculos, nós apostamos polo traballo, pola xestión e polos feitos. Seguimos avanzando para dotar Ponteareas de máis recursos sociais e achegar os servizos públicos ás parroquias», sinalan.
O Partido Popular reafirma así o seu compromiso cunha Ponteareas máis próxima, cohesionada e con máis oportunidades para todos e todas, na que as persoas maiores ocupen o lugar que merecen e conten cos recursos necesarios para vivir con dignidade e calidade de vida.



