O goberno que lidera Nava Castro fai realidade unha infraestrutura moi agardada polo Sporting Club San Mateo, que dará servizo á veciñanza e especialmente ás máis de cen xogadoras do club.
Ponteareas deu un paso importante no fortalecemento do deporte local coa inauguración do novo campo de fútbol Manolo Gil, do Sporting Club San Mateo. Unha infraestrutura moi agardada que desde hoxe está ao servizo da veciñanza e, especialmente, das máis de cen xogadoras que forman parte do club e que representan con orgullo o deporte feminino do municipio.
O acto contou coa presenza da alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro Domínguez; do presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán Abal, e do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez, a quen a alcaldesa Nava Castro, quere trasladar o seu agradecemento polo compromiso e a colaboración da institución provincial para facer posible este importante investimento.
A inauguración deste campo é un exemplo de que cando existe vontade política, capacidade de xestión e colaboración entre administracións, os compromisos convértense en realidades.
O grupo municipal do Partido Popular, encabezado por Nava Castro, continúa así cumprindo coa palabra dada á veciñanza, apostando por investimentos útiles e por mellorar os servizos e as infraestruturas que realmente importan ás persoas.
Desde o Partido Popular de Ponteareas tamén se quixo poñer en valor o compromiso da Deputación de Pontevedra, fronte a quen aseguraba no Pleno municipal que a institución provincial non financiaba este tipo de actuacións. Hoxe os feitos falan por si sós: unha nova instalación deportiva que é posible grazas á colaboración e ao apoio económico da Deputación.
«En Ponteareas non prometemos, cumprimos. Fronte ás escusas e aos discursos negativos, respondemos con traballo, xestión e resultados. Este novo campo é unha mostra de que estamos a cumprir os compromisos coa veciñanza», destacan desde o Partido Popular.
Esta actuación supón tamén un impulso decisivo para o deporte feminino, para o fútbol base e para as novas xeracións de deportistas de Ponteareas. Máis e mellores instalacións significan máis oportunidades, máis igualdade e máis futuro para os clubs locais.
O Partido Popular reafirma así a súa folla de ruta: seguir traballando, buscando financiamento e sumando colaboracións institucionais para que Ponteareas avance.
Porque gobernar é cumprir. E cumprir significa transformar os compromisos en investimentos e os investimentos en melloras reais para a cidadanía.



