Ponteareas concede a primeira licenza para unha promoción de vivenda colectiva en máis de vinte anos

A promoción, situada no Paseo Matutino, contará con 49 vivendas e supón un novo paso no desenvolvemento urbanístico do municipio.

O Concello de Ponteareas concedeu a primeira licenza urbanística para unha promoción residencial de vivenda colectiva en máis de vinte anos. Trátase dun proxecto situado no Paseo Matutino que contempla a construción de 49 vivendas, unha actuación que marca un fito na evolución urbanística do municipio.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, destacou a relevancia desta autorización, sinalando que se trata da «primeira promoción residencial que Ponteareas autoriza en máis de vinte anos». Neste sentido, manifestou o seu desexo de que esta iniciativa sexa «a primeira de moitas», contribuíndo a incrementar a oferta residencial, favorecer a chegada de novos investimentos e xerar oportunidades de desenvolvemento para a vila.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro Domínguez, salientou que esta licenza representa un paso importante para recuperar a actividade residencial no municipio e puxo en valor a importancia de xerar confianza para impulsar novos proxectos.

A rexedora destacou que Ponteareas «volve xerar confianza e oportunidades», incidindo na aposta do Goberno municipal por un crecemento urbanístico ordenado, que permita responder ás necesidades da veciñanza e contribuír a mellorar a súa calidade de vida.

A concesión desta licenza abre unha nova etapa para o desenvolvemento residencial de Ponteareas, nun contexto no que ampliar a oferta de vivenda e facilitar novas oportunidades para vivir no municipio constitúe un dos retos importantes de futuro.

Máis vivenda, máis oportunidades e máis futuro para Ponteareas.