O PP de Ponteareas leva ao Senado a reivindicación da N-120 e esixe ao Goberno central a licitación inmediata das obras

Nidia Arévalo presenta unha moción para reclamar prazos concretos, medidas provisionais de seguridade e os investimentos necesarios para executar unha actuación pendente que consideran fundamental para a seguridade viaria do municipio.

O Partido Popular de Ponteareas volveu reivindicar no Senado a execución das obras de mellora da N-120 ao seu paso polo municipio, unha actuación considerada prioritaria para reforzar a seguridade viaria e responder a unha demanda histórica da veciñanza.

A senadora do Partido Popular, Nidia Arévalo, presentou unha moción na Cámara Alta para esixir ao Goberno de España a licitación inmediata das obras, a adopción de medidas provisionais que permitan mellorar a seguridade mentres non se executa o proxecto, a dotación orzamentaria necesaria e un calendario concreto que permita coñecer os prazos de inicio e finalización dos traballos.

Desde o PP lembran que a mellora da N-120 non é unha reivindicación recente, senón unha demanda sostida durante anos por veciños, comerciantes, condutores e polo conxunto da sociedade ponteareá. Segundo sinalan, existe un proxecto redactado e preparado para a súa execución, pero, malia o paso do tempo, as obras continúan sen comezar.

«Estamos a falar dunha cuestión de seguridade viaria que afecta diariamente a milleiros de usuarios. Non podemos permitir que unha actuación necesaria siga acumulando atrasos sen que o Goberno dea explicacións nin ofreza solucións», sinalan desde o Partido Popular.

Na presentación desta iniciativa, Nidia Arévalo estivo acompañada pola alcaldesa de Ponteareas e presidenta local do PP, Nava Castro; pola concelleira Silva Fernández Táboas; e por representantes da Plataforma da N-120, trasladando así unha reivindicación compartida entre a representación política e a sociedade civil.

O Partido Popular considera que o Goberno de España, presidido por Pedro Sánchez, debe deixar de adiar esta actuación e asumir as súas responsabilidades, ofrecendo respostas claras e compromisos reais ante unha demanda que afecta directamente á seguridade e á calidade de vida da cidadanía.

«Representar aos nosos veciños significa escoitar as súas preocupacións e defender os seus intereses alí onde se toman as decisións. Ponteareas merece a mesma atención e os mesmos investimentos que calquera outro territorio», destacan.

O PP de Ponteareas asegura que continuará traballando nas distintas institucións para reclamar os investimentos necesarios e manter viva esta reivindicación ata que as obras sexan unha realidade.

«Ponteareas merece máis feitos e menos escusas. A seguridade das persoas non pode esperar e a mellora da N-120 debe deixar de ser unha promesa pendente para converterse nunha realidade».