Compartimos a nosa experiencia en planificación da paisaxe urbana no foro internacional PARJAP 2026

A concelleira de Medio Ambiente de Ponteareas, Silvia Fernández Táboas, participou no foro PARJAP 2026, dentro do Bloque II dedicado á Transformación de Espazos Patrimoniais, formando parte da mesa redonda “Estratexias en planificación da paisaxe urbana”.

Durante a súa intervención, a representante municipal expuxo a experiencia de Ponteareas na implantación de políticas de infraestrutura verde e planificación sostible do territorio, destacando que o municipio foi o primeiro concello de Galicia en aprobar unha Estratexia de Infraestrutura Verde. Unha iniciativa pioneira que sitúa a Ponteareas como referente na integración da sustentabilidade e a resiliencia urbana nas políticas públicas locais.

A mesa redonda reuniu representantes de cidades e territorios como Bordeus, Rivas-Vaciamadrid, Sevilla e Santa Cruz de Tenerife, que compartiron experiencias e boas prácticas para facer fronte aos desafíos ambientais e urbanos actuais. Entre os temas abordados destacaron a loita contra as illas de calor, a adaptación ao cambio climático e a creación de espazos públicos máis sostibles, verdes e habitables.

Silvia Fernández Táboas puxo en valor a importancia da planificación a longo prazo e das políticas baseadas no rigor técnico para mellorar a calidade de vida da veciñanza. Neste sentido, subliñou que a transformación urbana debe desenvolverse desde a responsabilidade e a visión de futuro, apostando por solucións que protexan o patrimonio natural e preparen os municipios para os retos das próximas décadas.

A participación de Ponteareas en PARJAP 2026 consolida o recoñecemento do traballo desenvolvido polo Goberno Local en materia ambiental e de urbanismo sostible, reforzando o seu papel como referente na aplicación de estratexias innovadoras para a mellora do espazo público e do entorno urbano.