O PP denuncia a herdanza do BNG-PSOE e esixe responsabilidades políticas pola subida da auga en Ponteareas

Desde o grupo de goberno, o Partido Popular de Ponteareas denuncia que a subida do recibo da auga é a factura directa de oito anos de pufos, enganos, incumprimentos contractuais e mala xestión do BNG e do PSOE.

Ponteareas, 27 de xaneiro de 2026.– A actualización da tarifa da auga que se somete a aprobación inicial no Pleno municipal do vindeiro 27 de xaneiro non é unha decisión política do actual goberno local, senón a consecuencia directa, inevitable e perfectamente documentada de oito anos de irresponsabilidade política do BNG e do PSOE.

Durante dous mandatos completos, o BNG gobernou Ponteareas co apoio do PSOE incumprindo contratos, ocultando débedas millonarias e asinando acordos ruinosos que hipotecaron o futuro económico do concello. Unha herdanza que hoxe se traslada aos veciños en forma dunha factura que nunca se explicou nin se quixo asumir.

Oito anos incumprindo o contrato da auga e enganando aos veciños

Desde o ano 2017, a concesionaria do servizo municipal da auga, VIAQUA, solicitou de maneira reiterada a actualización das tarifas conforme ao IPC, tal e como establece de forma expresa o contrato concesional.

O bipartito liderado polo BNG decidiu incumprir deliberadamente dito contrato por puro cálculo político, xerando unha débeda próxima aos 500.000 euros e situando ao Concello de Ponteareas ante un risco xudicial real, con demandas en curso e a ameaza de condenas económicas aínda maiores.

Esta é a verdadeira causa dunha parte substancial do incremento do 25 % na tarifa da auga: corrixir unha fraude política mantida durante oito anos pola esquerda e evitar que a irresponsabilidade do BNG siga custándolle cartos aos veciños de Ponteareas.

Un convenio ruinoso asinado ás costas da cidadanía

A esta situación súmase a sinatura, en xaneiro de 2022, dun convenio co Estado a través de AQUAES —entidade dependente do Goberno do PSOE— para a ampliación da depuradora municipal.

Un convenio asinado pola daquela alcaldesa Cristina Fernández (BNG) que hoxe se revela como unha auténtica bomba económica:

  • Máis de 10 millóns de euros de custo total.

  • 7 millóns de euros que deberá devolver o Concello (o 70 %) durante 25 anos.

  • Un custo que, tal e como recolle o propio convenio, debe repercutirse obrigatoriamente no recibo da auga, sen marxe de decisión política por parte do actual goberno municipal.

A partir de 2026, Ponteareas deberá aboar preto de 300.000 euros anuais. Non facelo suporía incumprir o convenio e expoñerse a graves consecuencias legais e financeiras.

O Partido Popular xa denunciou esta situación en setembro de 2021, no momento en que se coñeceu o convenio que Cristina Fernández (BNG) pretendía asinar. Daquela, desde o BNG tratáronnos de mentireiros e cualificaron as advertencias do PP de alarmistas. Hoxe, o paso do tempo dá a razón ao Partido Popular e deixa en evidencia a incompetencia da candidata do BNG, cuxas decisións políticas están a ter consecuencias directas e graves no peto dos veciños.

https://www.cope.es/emisoras/galicia/pontevedra-provincia/vigo/area-metropolitana-vigo/noticias/advierte-que-ampliacion-edar-supondra-una-subida-anual-del-recibo-del-agua-durante-anos-20210923_1518389

O BNG asinou, o PSOE avalou e agora pagan os veciños.

O PP denuncia a hipocrisía do BNG e do PSOE e esixe responsabilidades políticas

Desde o Partido Popular denunciamos a hipocrisía do BNG e do PSOE, que hoxe pretenden presentarse como defensores dos veciños cando son os únicos responsables dunha subida que eles mesmos provocaron.

Por iso, esiximos a dimisión de Cristina Fernández, como asinante do convenio que obriga a repercutir de forma obrigatoria sobre os veciños e veciñas o custo do préstamo do Estado, hipotecando durante 25 anos o recibo da auga en Ponteareas.

Así mesmo, denunciamos o abandono do Goberno socialista de Pedro Sánchez, que obriga aos veciños de Ponteareas a devolver integramente o custo destas obras mentres financia actuacións a fondo perdido por máis de 1.000 millóns de euros noutros países, empregando tamén os impostos que pagan os cidadáns deste municipio.

Fronte á mentira, responsabilidade; fronte á fuxida, xestión

O actual goberno municipal PP–ACIP–IP non vai seguir mentindo nin ocultando a realidade como fixeron os seus predecesores. Gobernar implica dicir a verdade, asumir os problemas herdados e tomar decisións, aínda que sexan impopulares.

Ademais, adoptáronse medidas reais para reducir o impacto nos fogares:

  • Facturación bimestral, para evitar recibos inasumibles.

  • Eliminación do consumo mínimo obrigatorio, que obrigaba a pagar entre 20 e 100 euros mesmo sen consumir auga. A partir de agora, págase exclusivamente polo que se consume.

Unha mensaxe política clara e sen matices

O PP–ACIP–IP non crea o problema: destápao e afróntao.
O BNG–PSOE gobernou enganando aos veciños, incumprindo contratos e asinando acordos ruinosos.
A subida da auga non é unha decisión política, senón a factura pendente dunha xestión desastrosa do servizo municipal da auga.

Ponteareas non pode seguir pagando o prezo de oito anos de propaganda e mala política. O actual goberno escolle responsabilidade fronte ao engano e xestión fronte á fuxida.