Ponteareas, 27 de xaneiro de 2026.– Ponteareas está a ter unha presenza destacada na Feira Internacional de Turismo (FITUR), cunha aposta clara por un modelo turístico sostible, vencellado á cultura, ás tradicións, á historia, á natureza e á gastronomía local. A alcaldesa, Nava Castro Domínguez, representa ao municipio neste importante escaparate internacional do sector turístico.
Tras oito anos nos que Ponteareas quedou relegada a un papel secundario no ámbito turístico, o actual goberno municipal traballa para situar de novo ao concello no mapa, defendendo un modelo afastado da masificación e centrado na identidade propia da vila, coñecida pola súa riqueza cultural e polas súas tradicións singulares.
A estratexia turística presentada en FITUR ten como obxectivo atraer visitantes que contribúan a dinamizar o comercio e a hostalaría local, favorecendo a xeración de riqueza e emprego no municipio, sempre desde unha perspectiva sostible e respectuosa co territorio.
Neste contexto, Ponteareas puxo en valor algunhas das súas celebracións máis emblemáticas, como o Corpus Christi, que se celebra no mes de xuño e representa a tradición viva e cultural da vila, a unión dos veciños e veciñas e a ilusión das familias. Tamén destaca o Festival Groba, no mes de agosto, que rende homenaxe ao compositor ponteareán Rogelio Groba, reunindo cada ano a unha decena de músicos internacionais.
Así mesmo, as Festas dos Remedios e de San Miguel, no mes de setembro, constitúen outro dos grandes referentes culturais e sociais do municipio, cando milleiros de veciños e veciñas se reúnen para celebrar a tradicional Feira dos Remedios e para soltar os emblemáticos globos de San Miguel, confeccionados artesanalmente pola propia veciñanza.
A presenza da alcaldesa en FITUR reforza este compromiso. Cun amplo recoñecemento internacional no ámbito do turismo e unha firme confianza no potencial turístico de Ponteareas, Nava Castro Domínguez lidera un proxecto que aposta polo futuro do concello a través dun turismo de calidade, auténtico e ligado ás raíces.
Ponteareas avanza así con paso firme cara a un modelo turístico que pon en valor o seu patrimonio material e inmaterial, consolidándose como destino de referencia no interior da provincia.



