DESCONVOCADA A FOLGA DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

Ponteareas, 10 de Decembro de 2025.– O Partido Popular de Ponteareas celebra a desconvocatoria da folga do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un avance fundamental para garantir a estabilidade laboral, a profesionalidade e unha atención digna ás persoas dependentes do municipio.

Grazas ao traballo conxunto do goberno municipal, a mediación da Xunta de Galicia, a empresa concesionaria e o comité de folga, conseguiuse en poucas semanas resolver mediante o diálogo unha situación que –segundo o PP– fora deteriorada durante anos polo anterior executivo BNG-PSOE.

Entre as melloras xa activadas destacan:

  • Regularización das nóminas e cotizacións.

  • Implantación dun novo sistema tecnolóxico de xestión.

  • Garantía de subministros hixiénicos e materiais.

  • Reforzo do persoal.

  • Activación dos servizos de fisioterapia e podoloxía.

  • Entrega dos PIA mediante o novo sistema.

Ademais, acadáronse acordos laborais de carácter histórico, entre eles:

  • 60% do persoal a xornada completa.

  • Conversión automática a xornada completa para quen supere o 90% de dedicación.

  • Pagamento de horas extra a partir das 39 horas semanais.

  • Creación dun Comité de Saúde e formación específica en protocolos de acoso.

Denuncia de boicots políticos

O Partido Popular lamenta os episodios ocorridos nos últimos plenos municipais, afirmando que persoas vinculadas ao BNG de Ponteareas, Vigo e Gondomar acudiron a boicotear o funcionamento institucional. As traballadoras do SAF nos trasladaron o seu malestar pola imaxe ofrecida pola oposición en nome do colectivo.

Así mesmo, o PP lembramos que a Fiscalía arquivou a denuncia presentada polo sindicato vinculado ao BNG, avalando a actuación da alcaldesa e do concelleiro responsable despois das gaves acusacións vertidas contra eles.

Compromiso coas persoas dependentes

O actual goberno municipal destaca que:

  • Rescindiuse o contrato herdado das anteriores empresas (Aralia e, previamente, Samain).

  • Licitouse un novo servizo máis forte, actualizado e transparente.

  • Incrementouse o prezo/hora e melloráronse as condicións laborais.

  • Elimináronse as listas de agarda de graos II e III.

  • Equiparáronse os gastos de desprazamento.

  • Convertéronse medias xornadas en xornadas completas, reforzando a estabilidade laboral.

Desde o Partido Popular, subliñamos “O noso compromiso é claro: garantir un Servizo de Axuda no Fogar que responda ás necesidades reais da xente. A defensa das persoas dependentes é unha prioridade política e moral para este goberno”.

Para iso, desde o goberno ampliamos o contrato con máis dun millón de euros de investimento, reforzando a nosa aposta por un SAF digno, moderno e centrado no benestar das persoas usuarias e das profesionais que o fan posible.