DAMOS UN PASO HISTÓRICO COA DIXITALIZACIÓN DO CONSERVATORIO MUNICIPAL DE MÚSICA REVERIANO SOUTULLO

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañou á alcaldesa Nava Castro e ao concelleiro de Ensino, Ricardo González, na inauguración deste proxecto pioneiro

Ponteareas, 10 de novembro de 2025.– O Conservatorio Municipal de Música Reveriano Soutullo vive un fito histórico coa posta en marcha do seu primeiro proceso integral de modernización e dixitalización desde a súa creación no ano 1983. A inauguración oficial contou coa presenza do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, quen destacou o compromiso do Goberno local coa cultura e coa innovación educativa.

A alcaldesa, Nava Castro, e o concelleiro de Ensino, Ricardo González, acompañados polo membro da Real Academia Galega de Belas Artes, Alejo Amoedo, e pola dirección do centro, deron a benvida ás familias e ao alumnado neste novo tempo para o conservatorio, que conta actualmente con 220 estudantes. O proxecto, cun investimento de 130.000 €, supón un salto cualitativo tanto na docencia musical como na xestión administrativa.

“Queremos que o noso alumnado se sinta orgulloso do seu conservatorio, que reciba unha formación moderna e que o profesorado dispoña das ferramentas tecnolóxicas necesarias para mellorar o seu traballo diario”, destacou a alcaldesa Nava Castro, quen lembrou que esta transformación “responde ao compromiso do Goberno local cun ensino musical público e de calidade”.

Un proxecto pioneiro en Galicia

O concelleiro popular de Ensino, Ricardo González, explicou que esta reforma integral permitirá dotar o conservatorio dun software de control e xestión específico para centros musicais, así como novo equipamento tecnolóxico e infraestruturas interactivas.

O proxecto desenvolverase en dúas fases e inclúe:

  • Software integral de xestión académica con comunicación interna, contabilidade e xerador de horarios con intelixencia artificial.

  • Paneis interactivos en 24 salas, pedais bluetooth e tablets para o visionado de partituras.

  • Sistema de videoconferencia e control de accesos electrónico con tarxetas personalizadas.

  • 19 novos equipos informáticos para profesorado e alumnado.

Ademais, acometeranse obras de reorganización e adaptación de espazos para mellorar a funcionalidade das aulas e cumprir coa normativa vixente.

“Traballamos para que o Conservatorio Reveriano Soutullo sexa un referente en innovación e excelencia educativa, e para que o noso alumnado teña acceso aos mesmos recursos que os grandes centros musicais do mundo”, sinalou González.

Durante o acto, o conselleiro Román Rodríguez puxo en valor a tradición musical de Ponteareas, “unha vila que fixo da música un dos seus sinais de identidade, con tres bandas e escolas de música, un conservatorio con graos elemental e profesional e unha escola municipal de música”.

Compromiso coa educación pública e coa cultura

A dixitalización do Conservatorio Municipal Reveriano Soutullo supón un novo paso na aposta do Partido Popular pola excelencia educativa e a innovación tecnolóxica ao servizo da cultura e da veciñanza. Fronte a quen pretendía desfacer o Conservatorio Municipal e recortar na educación —como fixeron BNG e PSOE pechando aulas na escola infantil—, O Partido Popular a través do Goberno investe para mellorar os recursos da educación pública. Porque en Ponteareas traballamos con feitos, non con pancartas; escoitamos, non confrontamos; investimos, non boicoteamos como fai a esquerda de Ponteareas.

A educación pública de calidade é o futuro, e en Ponteareas o Partido Popular seguimos apostando por ela.