Silvia Fernández Táboas destaca no 7º Congreso Local do PP os logros históricos e a transformación de Ponteareas

No marco do 7º Congreso Local do Partido Popular de Ponteareas, celebrado este domingo 2 de novembro, a concelleira, Silvia Fernández Táboas, pronunciou unha intervención centrada na transformación profunda que o Partido Popular lidera na vila desde hai dous anos e catro meses, resaltando os proxectos de desenvolvemento urbano, social, educativo e medioambiental que están a cambiar a vida dos veciños e veciñas.

Fernández Táboas recordou que, cando o Partido Popular chegou ao goberno municipal, Ponteareas presentaba un panorama complicado: proxectos sen rumbo, espazos degradados e unha cidadanía cansada de promesas baleiras. “Pero nós non perdemos tempo en lamentacións nin en mirar atrás. Fixemos o que sempre fai o Partido Popular cando goberna: poñernos a traballar, con orde, con rigor e con visión. Porque cando hai equipo, hai rumbo. E cando hai rumbo, as cousas empezan a cambiar. Ponteareas ten rumbo grazas á nosa alcaldesa Nava Castro, que representa o mellor exemplo de liderado, de constancia e de compromiso coa súa xente”, destacou.

A concelleira subliñou que, dous anos e catro meses despois, Ponteareas é outra vila: máis limpa, máis ordenada, máis verde e máis viva. Hai planificación, proxectos concretos e resultados visibles, pero tamén un aspecto fundamental: a cidadanía percibe o cambio, confía no Concello e sente que o seu pobo ten futuro.

Transformación urbana e sustentabilidade

Un dos primeiros grandes logros do goberno foi a aprobación da Estratexia de Infraestrutura Verde, elaborada coa Fundación Juana de Vega. Esta estratexia, pioneira en Galicia, define como debe medrar Ponteareas nos próximos anos, priorizando a calidade urbana, a sostenibilidade e o benestar da cidadanía. Entre os proxectos máis destacados está a recuperación das ribeiras do río Tea, que se converterán nun espazo de paseo, estancia e encontro, devolvendo ao río o protagonismo que merece como símbolo de identidade e futuro local.

Fernández Táboas destacou que este proxecto non é só un documento estratéxico: as actuacións xa están planificadas e comezarán a executarse nos próximos meses, mostrando o compromiso do goberno en converter a planificación en resultados concretos.

Servizos sociais e coidados

O goberno local aposta decididamente polos servizos sociais e polos coidados das persoas, entendendo que unha Ponteareas moderna tamén debe ser humana. Entre as actuacións máis salientables están:

  • Rehabilitación da Residencia de Maiores, con instalacións modernas e accesibles.

  • Melloras no Centro de Servizos Sociais, para ofrecer unha atención próxima e de calidade.

  • Transformación das tres vivendas dos mestres en dúas vivendas sociais e un albergue “Calor Café” para persoas sen fogar.

  • Construcción do terceiro módulo de ASPRODICO, coa unidade de atención temperá.

  • Creación de centros de día en Xinzo e Guláns, para que os maiores poidan permanecer na súa contorna.

  • Sensorización e domotización das vivendas de persoas maiores dependentes, proxecto pioneiro que mellora seguridade, confort e autonomía.

Infraestruturas educativas e culturais

O Partido Popular tamén está a impulsar proxectos educativos e culturais de gran impacto:

  • Nova Escola Infantil Municipal no parque Ferro Ucha, ampliando prazas e mellorando a conciliación familiar.

  • Ludoteca Municipal no parque da Curuxeira, espazo educativo e lúdico pensado para as familias.

  • Nova Oficina de Turismo e Centro de Interpretación do Corpus, nunha casiña na rúa dos Ferreiros.

  • Rehabilitación e ampliación do Museo Municipal, así como a dotación sociocultural dunha vivenda en Pías e a finalización da Casa Cultural en Padróns.

Proxectos financiados con fondos europeos

A Estratexia Ponteareas 2030, aliñada coa Axenda Urbana Española e coa Axenda 2030 da ONU, permitiu acadar 11 millóns de euros en fondos FEDER, que se destinarán a proxectos transformadores:

  • Rexeneración urbana da baixada de San Gregorio.

  • Recuperación da Praza de Bugallal, con sombra e axardinamento.

  • Nova Biblioteca Municipal e mellora das rúas anexas, froito dun concurso de ideas co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia con máis de 100 participantes.

Planificación urbanística e desenvolvemento económico

O goberno tamén centrou os seus esforzos na planificación urbana e no desenvolvemento económico. Destacan:

  • Modificacións puntuais do Plan Xeral de Ordenación Municipal para garantir solo dotacional suficiente para o novo Centro de Saúde, traballando coa Xunta de Galicia e o SERGAS.

  • Desenvolvemento do solo industrial da Lomba, asegurando viabilidade, competitividade e creación de emprego, coa aprobación inicial da Modificación Puntual nº 2 do PXOM e o inicio da reparcelación.

  • Colaboración coa Deputación de Pontevedra para a construción dun tramo da circunvalación leste, mellorando o acceso ao centro urbano e ao novo centro sanitario.

Infraestruturas de lecer, comercio e vivenda

  • Construcción da nova Praza de Abastos na antiga nave de Aceros del Tea, un mercado moderno e accesible.

  • Ampliación e cambio da cuberta da piscina municipal.

  • Rehabilitación e mellora de barrios e parroquias, apoiando tamén a revitalización do centro urbano e o rural mediante axudas para rehabilitación de vivendas e baixada de aluguer.

Mensaxe final

Silvia Fernández Táboas concluíu subliñando que, grazas ao traballo serio, comprometido e organizado do Partido Popular, Ponteareas conta hoxe con rumbo, proxecto e ilusión: “Gobernar non é mandar, é servir. Servir con humildade, con compromiso e con orgullo de ser de Ponteareas. O que conseguimos en dous anos e catro meses demostra que, cando se governa con equipo, propósito e paixón, os proxectos convértense en realidade. Seguiremos traballando con máis forza que nunca por Ponteareas, por Galicia e por España”.