Ponteareas, 16 de outubro de 2025 – O Concello de Ponteareas consolídase como referente en Galicia en políticas activas de emprego xuvenil. Por segundo ano consecutivo, é o único municipio galego que conta co programa “Xuventude Mentoring na Empresa”, unha iniciativa que só é posible grazas ao compromiso firme, á boa xestión e á visión de futuro do actual goberno municipal liderado polo Partido Popular.
O Venres pasado tivo o acto de entrega de diplomas ás 12 mozas e mozos participantes desta edición. O evento contou coa presenza da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses; a alcaldesa, Nava Castro Domínguez; e a concelleira de Emprego, Silvia Fernández Táboas.
A concelleira destacou que “hoxe Ponteareas é exemplo en Galicia de políticas útiles, de proxectos que funcionan e de compromiso real co futuro da nosa mocidade”, en contraposición aos anos de abandono e parálise que sufriron os programas xuvenís baixo os gobernos do BNG e PSOE.
Accións que transforman, fronte aos discursos baleiros
O programa, cofinanciado con Fondos Europeos e en colaboración coa Xunta de Galicia, permitiu que as e os participantes realizasen estadías formativas en empresas locais, adquirindo experiencia real e reforzando as súas competencias profesionais. Pola súa banda, o tecido empresarial tivo a oportunidade de identificar talento novo e conectar coa xuventude local.
Este tipo de políticas activas demostran que a boa xestión dá resultados concretos: máis formación, máis oportunidades e máis futuro para a mocidade de Ponteareas.
Cambio de rumbo tras oito anos de bloqueo
Tras oito anos de desgoberno e falta de proxectos por parte do BNG e PSOE, o goberno actual desde o grupo do Partido Popular puxo en marcha unha nova etapa de impulso económico, apoio ao talento novo e colaboración co tecido empresarial.
“Mentres outros se dedicaron a poñer trabas e frear a iniciativa privada, nós traballamos para abrir portas, tender pontes e fomentar a liberdade económica da nosa mocidade”, subliñan dende o goberno local.
Ponteareas é hoxe un concello que xera oportunidades reais, que aposta pola mocidade e que aposta por un modelo de xestión serio, eficaz e con visión de futuro.
Desde o Partido Popular, a prioridade segue a ser clara: facer de Ponteareas un lugar con oportunidades, con liberdade e con futuro para a mocidade.
Ponteareas con feitos.


