COMEZAN AS OBRAS DE MELLORA DO CAMPO DE FÚTBOL DO SPORTING CLUB SAN MATEO

A actuación, financiada coa colaboración da Deputación de Pontevedra, suporá un investimento de máis de 374.000 euros e inclúe a instalación de céspede sintético

San Mateo, 8 de xullo de 2025 – O Goberno inicia as obras de mellora do campo de fútbol do Sporting Club San Mateo, unha demanda histórica que agora se fai realidade grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra. A intervención suporá un investimento total de 374.706,75 euros e permitirá a substitución do actual terreo de xogo por un novo céspede sintético, adaptado ás necesidades dun fútbol máis moderno, eficiente e duradeiro.

Esta actuación enmárcase no compromiso do Partido Popular coa parroquia de San Mateo e co propio Sporting Club San Mateo, histórico club decano do fútbol galego e referente polo seu apoio ao deporte feminino.

Durante a visita ao inicio das obras, a alcaldesa Nava Castro destacou a importancia deste proxecto:

“Hoxe é un día de satisfacción porque facemos xustiza cun club que merece todo o apoio. Ao longo dos anos, o Sporting Club San Mateo foi exemplo pola súa aposta polo deporte feminino, contribuíndo a mellorar a nosa sociedade”.

Con esta mellora, o club poderá dispoñer dunhas instalacións á altura da súa traxectoria e compromiso deportivo, beneficiando tamén á mocidade da parroquia e á promoción da práctica deportiva en igualdade de condicións. Quedan atrás 8 anos de falsas promesas e mentiras do anterior goberno de esquerdas, que negaba as axudas da Deputación e freaba o avance deste proxecto tan necesario para San Mateo.

Agora, traballamos con feitos.