- A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, visitaron hoxe aos participantes do campamento de verán no CEIP As Veigas
Ponteareas, 3 de xullo de 2025.– Preto de 400 nenas e nenos participan nas diferentes quendas do CampaTea Verán, o programa de campamentos de verán que promove o Goberno de Ponteareas con apoio da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. A conselleira Fabiola García e a alcaldesa Nava Castro, visitaron o CEIP As Veigas, onde puideron compartir cos pequenos e pequenas unha xornada lúdica na praia fluvial da Freixa.
Durante a visita, estiveron acompañadas polo concelleiro de Ensino, Ricardo González; a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana; e outros membros do goberno municipal, que participaron nos xogos organizados dentro do campamento.
O CampaTea Verán busca ofrecer alternativas de conciliación familiar e oportunidades de lecer educativo tanto no centro urbano como nas parroquias rurais. Así, os campamentos desenvólvense en distintas localizacións:
- 1ª quenda de xullo: Centro Cultural de Bugarín (25 participantes)
- 2ª quenda de xullo: Centro Cultural de Prado (30 participantes)
- 1ª quenda de agosto: Centro Cultural de Angoares (15 participantes)
- 2ª quenda de agosto: Centro Cultural de Guláns (29 participantes)
A alcaldesa, Nava Castro, agradeceu o apoio da Consellería de Política Social, que por segundo ano consecutivo concedeu ao Concello de Ponteareas a achega máxima de 55.000 euros para desenvolver actividades de conciliación e sensibilización social.
“Seguimos apostando polas familias, pola mellora dos servizos e pola vida no rural. Os campamentos de verán, así como os que se ofrecen en Nadal e Semana Santa, son un recurso clave para a conciliación e tamén unha boa oportunidade para que as nenas e nenos desfruten dun lecer de calidade no que, ademais de xogar, aprenden”, destacou a rexedora.
O CampaTea Verán reafirma o compromiso deste grupo de goberno coa conciliación e a igualdade de oportunidades en todos os ámbitos do municipio.

