COMEZAMOS AS OBRAS DA NOVA LUDOTECA PÚBLICA DE PONTEAREAS

A alcaldesa, Nava Castro, e a concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez. Táboas, reuníronse coa dirección facultativa para supervisar os últimos detalles das obras da nova Ludoteca de Ponteareas.

O actual Goberno acondicionará e ampliará unha edificación de máis de 100 anos de antigüidade na que só se intervíu para conservar a estrutura exterior sen ter previsto ningunha acción de mantemento ou reparación no seu interior. A obra terá un investimento de 239.527,85 euros que serán financiados co apoio do +Provincia da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.

Desde este grupo de goberno consideramos imprescindible trasladar a ludoteca municipal, que na actualidade presta o seu servizo nun baixo de apenas 64,80 m2 na Avenida Castelao. A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, adianta que co cambio do local a ludoteca municipal gañará espazo coa construción dun edificio anexo que se sumará ao existente que conta con 136,45 m2.

“Ofrecemos un espazo amplo nunha contorna agradable preto de múltiples servizos e, sobre todo, adaptado ás necesidades tanto das nenas e dos nenos como das profesionais que atenden este servizo público. A nova ludoteca de Ponteareas estará tamén preto da nova escola infantil xa en construción, facilitando os desprazamentos das familias e ámbalas dúas en espazos verdes”, explica Nava Castro.

A nova ludoteca pública terá un soportal de acceso, unha admisión, un despacho da dirección, aseo para nenas e aseo para nenos ademais dun aseo para adultos adaptado a persoas con mobilidade reducida.