Ponteareas, 23 de xullo do 2020.- O Partido Popular de Ponteareas denuncia que o Goberno Bipartito gasta ao ano máis de 4.000 euros nun “can de defensa” que os actuais axentes da Policía Local non poden utilizar porque non ten nin a formación nin os medios materiais e humanos necesarios.
O Grupo municipal do PP critica que desde que o goberno adquiriu o can na pasada lexislatura, este nunca foi utilizado polos axentes da policía local.
“Na actualidade, o can non se atopa no noso municipio nin tampouco está baixo custodia de persoal municipal. Ademais, o departamento da Policía Local non conta coas instalacións adecuadas, nin os vehículos adaptados para poder ter a este can en activo”, explican os populares.
Ante a alarmante falta de seguridade no noso Concello e a renuncia de policías polo baixo nivel salarial, ao goberno municipal non se lle ocorre outra cousa que gastar máis de 10.000 euros nun can que “non existe” no noso Concello, e que os axentes de seguridade non o consideran unha necesidade prioritaria. “É todo é un absoluto despropósito, e esixiremos responsabilidades”, afirman os populares.
O PP lamenta que os policías decidan renunciar ás súas prazas para irse a outros Concellos pola nefasta xestión do actual bipartito.
“Actualmente estamos baixo mínimos no número de axentes da policía local, con só 6 axentes, fronte aos 25 necesarios. Ademais, os auxiliares da policía local, portan vestimenta co nome de “Policía Local”, cuestión que é totalmente irregular, e que este goberno facilita para suplir falsamente a ausencia de policiais locais no noso concello. Toda esta nefasta xestión culmina co gasto de máis de 10.000 euros nun can que ningún axente pode utilizar” lamentan desde o PP.
