A nova infraestrutura reforza o produto de proximidade, apoia os praceiros e praceiras e contribúe á recuperación da capitalidade comercial da vila.
Ponteareas escribe unha nova páxina da súa historia coa posta en marcha de MercaTea, un proxecto estratéxico para impulsar o comercio local, poñer en valor os produtos de proximidade, apoiar os praceiros e praceiras e defender a cultura e as tradicións da nosa vila.
O acto de inauguración foi aberto por Silvia Fernández, concelleira de Urbanismo, quen lembrou que durante décadas a actividade comercial desenvolveuse no antigo mercado municipal, «nun edificio pensado para outra realidade comercial, e agora recuperamos outro edificio fundamental da nosa memoria».
Fernández destacou que este proxecto foi «desde o primeiro momento, unha aposta clara, valente e decidida da nosa alcaldesa, Nava Castro».
A concelleira de Urbanismo salientou tamén que «o novo MercaTea conta cun edificio renovado, accesible e funcional, integrado cunha nova urbanización exterior que incorpora arredor de 1.500 metros cadrados de zonas verdes e espazos públicos, mellorando a conexión coa estación de autobuses e coa contorna residencial e convertendo esta parte da vila nun novo punto de encontro para a cidadanía».
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro Domínguez, destacou que «hoxe non inauguramos só un mercado, abrimos unha nova etapa para Ponteareas». Un espazo moderno, accesible, sostible e pensado para as persoas, que mantén viva a esencia da nosa praza de abastos e mira ao futuro sen perder a súa identidade.
Desde o Partido Popular de Ponteareas salientan que MercaTea é tamén unha demostración de que, con vontade política, compromiso e unha folla de ruta clara, os proxectos importantes para a veciñanza poden converterse en realidade, mesmo fronte ás dificultades, ás críticas e á falta de apoio da esquerda local a esta iniciativa.
Desde o PP defendemos un modelo de vila baseado na recuperación da capitalidade do Condado e da Paradanta, no impulso ao comercio, na atracción de novas oportunidades e na creación de riqueza e emprego. Un modelo que aposta por unha Ponteareas moderna, dinámica e preparada para afrontar os retos do futuro.
Desde a formación popular queren agradecer expresamente a colaboración da Xunta de Galicia, co seu presidente Alfonso Rueda Valenzuela á fronte; da Deputación de Pontevedra, presidida por Luis López Diéguez; dos traballadores municipais; das empresas que participaron na execución da obra, polo seu traballo e profesionalidade; así como dos praceiros e praceiras que apostaron por este proxecto desde o primeiro momento.
O agradecemento esténdese tamén a todos os veciños e veciñas que participaron na inauguración e que amosan o seu compromiso cunha Ponteareas que avanza, crea oportunidades e aposta polo seu comercio e pola súa identidade.
O Partido Popular reafirma así o seu compromiso de seguir traballando para cumprir os compromisos adquiridos e impulsar iniciativas que transformen a vila. «Mentres outros poñen paus nas rodas, nós seguimos cumprindo compromisos e transformando Ponteareas con feitos».
Fronte ao bloqueo, traballo. Fronte ás escusas, resultados. E fronte á confrontación, un proxecto de futuro para toda Ponteareas.




