O IES Plurilingüe Pedra da Auga contará cunha reforma integral da cuberta cun investimento de 380.000 euros da Xunta de Galicia

A actuación permitirá renovar 1.700 metros cadrados de tellado e solucionar un problema histórico do centro. A visita serviu tamén para confirmar a incorporación de dous novos docentes o vindeiro curso.

O IES Plurilingüe Pedra da Auga de Ponteareas contará cunha reforma integral da súa cuberta, cun investimento de 380.000 euros por parte da Xunta de Galicia. Unha actuación que permitirá renovar un total de 1.700 metros cadrados de tellado, solucionar un problema histórico das instalacións e mellorar tanto a eficiencia enerxética como as condicións de seguridade e confort da comunidade educativa.

A confirmación deste investimento produciuse durante a visita ao centro do xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, quen anunciou tamén dúas novas incorporacións docentes para o vindeiro curso escolar, co obxectivo de reforzar a atención educativa e dar resposta ás necesidades da comunidade educativa.

 

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro Domínguez, destacou a importancia desta intervención para atender unha demanda histórica do centro e puxo en valor a colaboración institucional como ferramenta para conseguir melloras reais nos servizos públicos.

Pola súa banda, o concelleiro de Ensino, Ricardo González Alonso, salientou o traballo de coordinación desenvolvido entre o Goberno de Ponteareas e a Consellería de Educación para trasladar as necesidades do centro e avanzar na consecución de solucións.

Desde o Partido Popular de Ponteareas valoramos estes anuncios como resultado do traballo de interlocución e diálogo coas administracións competentes, defendendo a importancia de trasladar as necesidades da veciñanza e traballar para conseguir investimentos e melloras para o municipio.

A reforma da cuberta e a incorporación dos dous novos docentes supoñen dous avances importantes para o IES Plurilingüe Pedra da Auga, tanto no ámbito das infraestruturas como no da atención educativa.

Menos ruído e máis xestión, menos confrontación e máis diálogo. O obxectivo é seguir traballando para conseguir solucións que melloren a vida da veciñanza de Ponteareas.