O Goberno municipal de Ponteareas que lidera Nava Castro consegue máis de 1,5 millóns de euros de fondos europeos para converter MercaTea nun referente dos mercados intelixentes de Galicia

O proxecto Smart MercaTea, cun investimento de 1.507.722 euros, permitirá incorporar intelixencia artificial, un marketplace propio, taquillas refrixeradas nas parroquias e sistemas avanzados de xestión.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asiste á inauguración do mercado municipal MercaTea. MercaTea (Ponteareas), 01/08/26.

O Goberno municipal de Ponteareas, liderado pola alcaldesa Nava Castro Domínguez, conseguiu máis de 1,5 millóns de euros de financiamento europeo para impulsar o proxecto Smart MercaTea, unha iniciativa estratéxica que permitirá avanzar na modernización e transformación dixital do Mercado Municipal.

Cun investimento total de 1.507.722 euros, o proxecto supón un novo impulso á aposta do executivo local polo comercio de proximidade, a innovación tecnolóxica e a dinamización económica do municipio.

Smart MercaTea contempla a incorporación de diferentes ferramentas e solucións tecnolóxicas destinadas a mellorar os servizos do mercado, facilitar a actividade dos praceiros e achegar os produtos locais á cidadanía.

Entre as principais actuacións previstas destacan a creación dun marketplace propio para a comercialización dixital dos produtos do mercado, a instalación de taquillas refrixeradas nas parroquias para facilitar a recollida de compras, a aplicación de ferramentas de intelixencia artificial, o desenvolvemento dun xemelgo dixital e a implantación de novos sistemas intelixentes de xestión.

Estas actuacións permitirán ampliar as posibilidades comerciais de MercaTea, mellorar a experiencia das persoas consumidoras e conectar o mercado municipal co conxunto das parroquias, aproveitando as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías.

O Mercado Municipal de Ponteareas conta xa co recoñecemento da Xunta de Galicia como Mercado Excelente de Galicia. Con Smart MercaTea, o Concello pretende dar un novo paso na súa evolución, avanzando cara a un modelo de mercado moderno, competitivo, accesible e preparado para os retos do futuro.

Desde o Grupo municipal do Partido Popular destacamos que a consecución deste financiamento europeo é froito do traballo de planificación e da aposta por proxectos estratéxicos capaces de mobilizar recursos e xerar novas oportunidades para Ponteareas.

A iniciativa enmárcase no compromiso do PP de apoiar o comercio local, impulsar a economía de proximidade e aproveitar a innovación como ferramenta para mellorar os servizos públicos e fortalecer o tecido económico.

Ponteareas avanza e MercaTea prepárase para dar un novo salto cara ao futuro dos mercados municipais.