As obras de mellora da mobilidade peonil en Fontenla encaran a súa recta final coa fase de asfaltado

Nava Castro visita os traballos na EP-4001, unha actuación que mellorará a seguridade viaria e os accesos aos centros educativos e ao futuro centro de saúde.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro Domínguez, acompañada por membros do goberno local, visitou as obras de mellora da mobilidade peonil que se están a executar na estrada provincial EP-4001, na parroquia de Fontenla, e que encaran xa a súa recta final coa fase de asfaltado.

Trátase dunha actuación estratéxica para o municipio, xa que permitirá transformar un dos principais itinerarios de acceso aos centros educativos e ao futuro centro de saúde, mellorando a seguridade dos centos de persoas que utilizan este percorrido diariamente.

O proxecto, desenvolvido en colaboración coa Deputación de Pontevedra, contempla a creación dunha senda peonil segura, a implantación de medidas de calmado do tráfico, a execución de pasos sobreelevados, a renovación do alumeado público e da rede de recollida de augas pluviais, así como a mellora da capa de rodadura e da sinalización.

Durante a visita, Nava Castro destacou que «seguimos cumprindo co noso compromiso de facer de Ponteareas un municipio máis amable, accesible e seguro. Esta é unha actuación estratéxica porque responde a unha demanda da veciñanza e mellora un percorrido fundamental para estudantes, familias e persoas maiores».

Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández Táboas, subliñou que «cada obra que impulsamos ten un obxectivo claro: mellorar o día a día da veciñanza. Esta actuación reforza a seguridade viaria, facilita os desprazamentos a pé e fai de Ponteareas un concello máis moderno e adaptado ás necesidades actuais».

Desde o grupo de goberno do Partido Popular, destacamos que este proxecto forma parte da folla de ruta para modernizar as infraestruturas municipais, avanzar cara a unha mobilidade máis sostible e accesible e dar resposta ás necesidades reais da cidadanía.

A colaboración institucional coa Deputación de Pontevedra, presidida por Luis López Diéguez, está a ser fundamental para facer realidade actuacións como esta. Unha cooperación que permite impulsar investimentos, mellorar os servizos públicos e avanzar na construción dun Ponteareas con máis oportunidades, infraestruturas renovadas e unha maior calidade de vida para todos os veciños e veciñas.