A nova infraestrutura terá máis de catro quilómetros de lonxitude e mellorará a seguridade viaria e a mobilidade nas parroquias de Bugarín, Prado e Pías.
O Partido Popular de Ponteareas pon en valor o investimento de 1,8 millóns de euros anunciado pola Xunta de Galicia para a construción dunha senda peonil ao longo da estrada PO-254, unha actuación que permitirá conectar os municipios de Ponteareas e Mondariz mediante un itinerario de máis de catro quilómetros.
Esta infraestrutura suporá unha mellora importante para a seguridade viaria e a mobilidade sostible, ao ofrecer un espazo seguro para os peóns e facilitar a conexión das parroquias de Bugarín, Prado e Pías. Trátase, ademais, dunha actuación que responde a unha demanda histórica da veciñanza e que contribuirá a mellorar a calidade de vida das persoas residentes nestas zonas.
Desde o Partido Popular de Ponteareas destacan que este investimento é unha mostra do compromiso da Xunta de Galicia co municipio e dunha política baseada na planificación, na execución de infraestruturas e na atención ás necesidades reais da cidadanía.
O Goberno municipal que lidera Nava Castro dará a coñecer os detalles do proxecto mediante a celebración de reunións abertas nas parroquias afectadas, co obxectivo de informar directamente á veciñanza e favorecer a súa participación no desenvolvemento desta actuación.
O PP de Ponteareas reclama tamén avances nas infraestruturas pendentes do Estado
O Partido Popular considera necesario que os investimentos da Xunta teñan continuidade cunha maior implicación do Goberno central nas infraestruturas que afectan ao municipio. Neste sentido, reclama avances nas actuacións pendentes na N-120, que considera fundamentais para mellorar as comunicacións e a seguridade viaria de Ponteareas.
A formación popular contrapón o investimento autonómico anunciado coa situación de paralización que, segundo denuncia, afecta ás actuacións pendentes na estrada nacional, e reclama ao Goberno de España que concrete prazos e compromisos para desbloquear estas obras.
O Partido Popular de Ponteareas reafirma así o seu compromiso de seguir traballando coas distintas administracións para atraer investimentos, mellorar os servizos públicos e impulsar actuacións que repercutan directamente no benestar da veciñanza.
Ponteareas precisa infraestruturas, investimentos e respostas ás necesidades da súa cidadanía.


