O proxecto, impulsado polo Goberno municipal que lidera Nava Castro en colaboración con Cruz Vermella, xa está implantado en dez fogares de distintas parroquias do municipio.
Ponteareas continúa avanzando na modernización dos servizos sociais coa implantación dun innovador proxecto de teleasistencia avanzada e domótica adaptada, unha iniciativa destinada a mellorar a seguridade, a autonomía e a calidade de vida das persoas maiores, facilitando que poidan permanecer nos seus fogares durante máis tempo e en mellores condicións.
O proxecto, promovido polo Goberno municipal que preside a alcaldesa, Nava Castro Domínguez, e pola Concellería de Servizos Sociais, dirixida por Raquel Plana, desenvolvese en colaboración con Cruz Vermella, entidade responsable da instalación e do seguimento dos dispositivos tecnolóxicos.
A iniciativa comezou coa primeira instalación nunha vivenda da parroquia de Angoares e, na actualidade, xa beneficia dez fogares distribuídos por diferentes parroquias de Ponteareas. Esta expansión permite achegar solucións tecnolóxicas adaptadas ás necesidades das persoas usuarias e avanzar cara a un modelo de atención máis próximo, personalizado e preventivo.
Os sistemas de domótica adaptada e teleasistencia avanzada permiten incorporar ferramentas tecnolóxicas ao día a día das persoas maiores, contribuíndo a reforzar a súa seguridade no domicilio e a facilitar unha resposta máis axeitada ante posibles situacións de necesidade.
Desde o Partido Popular destácase que esta iniciativa exemplifica como a innovación tecnolóxica pode converterse nunha ferramenta ao servizo das persoas, especialmente daquelas que precisan maiores apoios. O obxectivo é favorecer o envellecemento activo, combater a soidade non desexada e garantir que as persoas maiores poidan seguir vivindo no seu entorno habitual con maior tranquilidade e autonomía.
O Partido Popular de Ponteareas subliña que este proxecto forma parte do compromiso do executivo local coa mellora dos servizos sociais e coa incorporación de novas solucións que dean resposta ás necesidades reais da veciñanza.
Con esta actuación, Ponteareas continúa incorporando novas ferramentas de innovación social á atención das persoas maiores, avanzando nun modelo de municipio que aposta pola tecnoloxía, a proximidade e o benestar da cidadanía.


