O presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra, Luis López Diéguez, puxo en valor a “enorme solvencia” das sete alcaldías populares das comarcas do Condado e A Paradanta, destacando o seu compromiso diario coa veciñanza e a súa capacidade de xestión ao servizo dos cidadáns.
Estas declaracións producíronse durante un encontro de traballo celebrado en Ponteareas no que participaron alcaldes, voceiros e concelleiros da formación política na zona. Durante a reunión, López subliñou a “gran fortaleza dos proxectos gañadores” do Partido Popular de cara ás eleccións municipais de 2027.
“O PP é o único partido que sempre defende, por riba de todo, os intereses dos veciños e veciñas deste territorio”, afirmou o presidente provincial, quen tamén destacou o labor desenvolvido polos gobernos locais populares nestas comarcas.
López animou aos representantes municipais a continuar traballando con intensidade e proximidade para consolidar a confianza da cidadanía e acadar unha ampla vitoria nos próximos comicios municipais, co obxectivo de garantir concellos que representen e atendan ás persoas.
Ademais, reafirmou a aposta firme do Partido Popular polo sur da provincia mediante investimentos e servizos impulsados desde a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. Segundo indicou, estas iniciativas están contribuíndo á mellora da calidade de vida da veciñanza e ao desenvolvemento do territorio.
Por outra banda, o presidente provincial denunciou os “esquecementos e incumprimentos” do Goberno de España con estas comarcas, sinalando cuestións pendentes como a situación da N-120, as deficiencias ferroviarias, o estado das estradas e autovías, as carencias en cobertura telefónica e Internet, os recortes en seguridade cidadá e a redución dos fondos destinados á dependencia.
“Estamos ante un Goberno que discrimina estas bisbarras. Por iso, a solución pasa por reforzar ao PP como único valedor dos intereses da veciñanza”, concluíu Luis López.


