Homenaxe a oito mulleres da vila no Día da Muller

Emotivo acto de homenaxe a oito mulleres do municipio con motivo do Día Internacional da Muller, recoñecendo a súa traxectoria e a súa contribución ao desenvolvemento da vila.

No acto participaron a alcaldesa, Nava Castro Domínguez, e a concelleira Raquel Plana, xunto a compañeiros da corporación, quixeron acompañar e poñer en valor a historia e o compromiso de mulleres que forman parte da memoria viva de Ponteareas.

Desde o goberno destacaron que “en Ponteareas contamos con mulleres con unha gran historia ás súas costas, que ao longo dos anos demostraron traballo, sacrificio e unha enorme dedicación para facer medrar a nosa vila e abrir camiño ás novas xeracións”.

Cada unha das homenaxeadas representa a loita diaria, o compromiso coa comunidade e esa forza silenciosa que tantas veces sostén a sociedade. Son exemplo, inspiración e reflexo do esforzo de moitas mulleres que, con valentía e constancia, contribuíron a construír a Ponteareas actual.

O acto quixo ser non só un recoñecemento ao seu camiño, senón tamén unha mostra de agradecemento polo legado que deixan e polo seu papel fundamental na sociedade local.

Compromiso coa igualdade real

No marco desta xornada, desde o PP de Ponteareas reafirmamos o noso compromiso cunha igualdade real entre homes e mulleres, baseada no respecto, na dignidade e nos feitos.

O Partido Popular de Ponteareas sinala que, malia os avances, o machismo segue presente na sociedade, polo que consideramos necesario continuar traballando para erradicalo en todos os ámbitos, incluído o institucional. Neste sentido, facemos referencia a determinadas situacións producidas en plenos municipais, como xestos inapropiados cara á alcaldesa, faltas de respecto a concelleiras ou tensións innecesarias con responsables municipais, subliñando que “non deberían volver repetirse”.

Desde o grupo popular lembramos que as institucións deben ser espazos de respecto, diálogo e exemplaridade, onde todas as persoas poidan exercer a súa responsabilidade con normalidade.

“A igualdade non se defende só con palabras nin cunha pancarta; constrúese cada día desde o respecto, a educación e os feitos”, destacamos.

Finalmente, o PP de Ponteareas seguiremos traballando con determinación para que a igualdade sexa unha realidade efectiva tanto na vida cotiá como no funcionamento das institucións.