Ponteareas – O Partido Popular de Ponteareas continúa coa súa política de recuperación e posta en valor dos espazos naturais da vila, centrando os seus esforzos en A Freixa e na senda do río Tea, convertendo estes lugares nun referente de lecer, deporte e turismo sostible.
Durante oito anos, a contorna natural do municipio sufriu un abandono significativo. As zonas verdes permaneceron descoidadas, as principais sendas quedaron esquecidas e A Freixa, un dos grandes atractivos naturais para centos de familias ponteareás, estaba sen ningún tipo de mantemento nin infraestruturas que garantisen a súa correcta conservación e aproveitamento. Ademais, a falta dun plan efectivo de prevención de incendios forestais aumentaba o risco para a poboación e para o medio natural.
Desde o inicio do mandato, o goberno local puxo en marcha un conxunto de medidas para reverter esta situación e ofrecer á veciñanza un espazo natural seguro, accesible e funcional:
-
Recuperación e mantemento de sendas: Todas as sendas principais están sendo rehabilitadas, mellorando a seguridade e a accesibilidade para paseantes, corredores e ciclistas.
-
Acondicionamento de A Freixa: Rehabilitáronse os chiringuitos tradicionais, adaptándose ás necesidades actuais sen perder o seu valor histórico e social.
-
Xestión de aparcadoiros públicos: Para facer fronte á gran afluencia de visitantes, adaptáronse terreos como zonas de aparcamento, evitando problemas de tráfico e protexendo o entorno.
-
Impulso da senda do Tea: Con actividades de promoción deportiva e rutas guiadas, a senda fomenta hábitos saudables e o contacto coa natureza.
-
Prevención de riscos naturais: Elaboráronse medidas preventivas fronte aos incendios forestais, mellorando a seguridade da veciñanza e do patrimonio natural.
Segundo a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro “o noso obxectivo é devolver á veciñanza un patrimonio natural do que sentirse orgullosos, creando espazos para gozar en familia e promovendo hábitos saudables que melloren a calidade de vida. Estes proxectos son un exemplo de que cando hai vontade política, hai resultados visibles e sostibles”.
Desde o grupo de goberno, destacamos que estas actuacións son parte dunha visión máis ampla de políticas útiles, centradas en gobernar con feitos, cumprir co programa electoral e investir en infraestruturas que repercutan directamente no benestar da cidadanía.
A recuperación destes espazos non só mellora a vida das persoas, senón que tamén contribúe a potenciar o turismo sostible, preservando o medio ambiente e reforzando a identidade cultural e natural de Ponteareas.


