Levamos a cabo o primeiro obradoiro de ourivería inspirado nas alfombras florais de Ponteareas

Ponteareas, 3 de marzo  – Gabriel Alén Castro, director xeral de Comercio e Consumo, e a Elena Fabeiro, xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, visitaron xunto coa alcaldesa, Nava Castro, as instalacións da Residencia de Artistea en Ponteareas.

Durante a visita tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o obradoiro colaborativo de ourivería que se está a desenvolver neste espazo creativo, impartido pola ourive compostelá Susi Gesto. A proposta formativa toma como inspiración as tradicionais alfombras florais de Ponteareas, un dos sinais de identidade cultural máis recoñecidos da vila.

Esta iniciativa pon en valor o diálogo entre artesanía contemporánea e patrimonio inmaterial, ao tempo que promove a creación colaborativa, a transmisión de coñecementos e a innovación no sector da ourivería galega. A actividade enmárcase nas accións de apoio ao talento artesán e á dinamización cultural impulsadas pola Fundación Pública Artesanía de Galicia.

A visita institucional destacou a importancia de proxectos como Artistea como espazos de experimentación, formación e encontro entre creadoras e creadores, reforzando a conexión entre artesanía, territorio e identidade cultural.