Ponteareas vén de acadar un feito histórico coa obtención de 11 millóns de euros dos fondos europeos FEDER, o maior investimento da súa historia. Este logro é froito do traballo rigoroso, da planificación estratéxica e da capacidade de xestión do goberno municipal encabezado pola alcaldesa Nava Castro Domínguez.
O proxecto foi defendido no pleno da Rede de Iniciativas Urbanas (RIU) coa participación directa da alcaldesa e dos concelleiros Silvia Fernández Táboas e Francisco Jesús Represas Carrera, que traballaron con responsabilidade e solvencia para garantir que o municipio estivese á altura das esixencias europeas. Os fondos europeos chegan a Ponteareas grazas á presentación de proxectos maduros, ben estruturados e aliñados cos obxectivos comunitarios, demostrando que a vila é un concello fiable, serio e con visión de futuro.
Nova biblioteca municipal: A creación dunha gran biblioteca municipal de máis de 2.500 metros cadrados converterase nun espazo de referencia para a cultura, o coñecemento e a participación cidadá.
Reurbanización da Praza Bugallal: A reurbanización da Praza Bugallal, cun investimento superior aos 900.000 euros, permitirá recuperar un espazo central para a convivencia, mellorar a accesibilidade e dinamizar a vida urbana.
Centros de día en Guláns e Xinzo: Creación de centros de día en Guláns e Xinzo reforza unha política social responsable, pensada para que as persoas maiores poidan envellecer na súa contorna con dignidade e coidados próximos.
Novas casas culturais no rural: As parroquias de Padróns e Pías contarán con novas casas culturais, fortalecendo os servizos públicos no rural e avanzando na cohesión territorial.
Domotización de fogares :A domotización de fogares de persoas maiores que viven soas supón unha medida innovadora que aposta pola seguridade, a autonomía e a mellora da calidade de vida.
Estes proxectos son o resultado dunha maneira de gobernar baseada nos feitos, cunha xestión diaria rigorosa e nun traballo en equipo que dá resultados. A consecución destes fondos europeos foi posible grazas a unha folla de ruta clara marcada pola Infraestrutura Verde e polo Plan de Acción Integrado, que permitiron presentar propostas coherentes, sostibles e aliñadas cos obxectivos europeos.
Ponteareas avanza porque ten un goberno unido, con experiencia e capacidade para cumprir.


