A alcaldesa Nava Castro destaca o modelo baseado na colaboración e na accesibilidade fronte ás políticas de imposición do anterior mandato
Ponteareas, 11 de febreiro — O Goberno de Ponteareas celebrou unha nova sesión da Mesa de Comercio Local, un espazo de traballo que reúne ao executivo municipal e ao tecido comercial co obxectivo de impulsar iniciativas adaptadas ás necesidades do sector e da veciñanza.
A Concellería de Comercio, dirixida por Ricardo González Alonso, organiza estes encontros ao longo do ano para compartir ideas, analizar propostas e planificar accións conxuntas que permitan dinamizar a economía local e fortalecer o comercio de proximidade.
Desde o Partido Popular sublíñase a importancia dun modelo baseado na colaboración, no diálogo e na accesibilidade. Neste sentido, destacan que esta forma de traballo contrasta coa etapa anterior, marcada —segundo sinalan— por políticas de prohibicións e decisións unilaterais que afectaron negativamente ao comercio local, ao rural e ás persoas maiores, especialmente no relativo ao peche de rúas sen consenso e aos problemas de accesibilidade xerados, incluídos os que afectaban aos servizos de emerxencia.
A alcaldesa e presidenta local do PP, Nava Castro Domínguez, puxo en valor “o traballo en rede que estamos a desenvolver co sector para devolverlle a vida ás rúas, dinamizar a economía local e situar o comercio no centro das decisións municipais”. Castro incidiu en que o obxectivo do executivo é construír “un concello máis vivo, máis accesible e cun comercio local forte e protagonista”.
O Partido Popular reafirma así o seu compromiso de seguir traballando da man do sector comercial, apostando por medidas consensuadas e efectivas que favorezan o crecemento económico e social de Ponteareas.
Crecemos xuntos


