Ponteareas volveu demostrar o seu carácter solidario coa entrega á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) dun cheque por valor de 1.375 euros, correspondente á recadación da San Silvestre Solidaria, celebrada o pasado 31 de decembro.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro Domínguez, xunto co concelleiro de Deportes, fixeron entrega desta achega a representantes da AECC, destacando o labor esencial que desenvolve esta entidade tanto no acompañamento ás persoas enfermas e ás súas familias como no impulso á investigación contra o cancro.
Durante o acto, Nava Castro puxo en valor “a importancia de que as administracións públicas impulsen iniciativas solidarias reais, especialmente cando se combinan co deporte, que transmite valores fundamentais como o esforzo, a cooperación e os hábitos de vida saudables”. A alcaldesa subliñou tamén a masiva participación da veciñanza, que volveu demostrar “a solidariedade e o compromiso social que caracterizan a Ponteareas”.
A implicación do Goberno municipal foi tamén activa no propio evento. Os concelleiros do Partido Popular Silvia F. Táboas e Francisco Jesús Represas participaron na San Silvestre Solidaria, correndo xunto a centos de veciños e veciñas polas rúas da vila e compartindo unha xornada de convivencia, deporte e compromiso social.
Desde o Partido Popular de Ponteareas queremos agradecer expresamente o traballo de todas as persoas que fixeron posible este evento, así como a participación de corredores, corredoras e cidadáns que, coa súa inscrición, contribuíron a apoiar unha causa tan necesaria.
Así mesmo, lamentamos profundamente a campaña de boicot levada a cabo polos partidos da oposición contra este evento deportivo e solidario. Consideramos inaceptable que se tente politizar unha iniciativa cuxo único obxectivo é axudar e apoiar unha causa social tan sensible como a loita contra o cancro.
Desde o Partido Popular de Ponteareas reiteramos o noso firme compromiso de seguir promovendo iniciativas que unan solidariedade, deporte e participación cidadá, convencidos de que este é o camiño para construír unha sociedade máis cohesionada, responsable e comprometida.

