IMPULSAMOS UN CAMBIO REAL NAS POLÍTICAS SOCIAIS

Ponteareas, 15 de xaneiro de 2026

O Pleno do Concello de Ponteareas celebrado o pasado 30 de decembro, evidenciou o cambio de rumbo que o novo goberno municipal está a consolidar nas políticas sociais. Fronte á improvisación, á falta de planificación e ao abandono das persoas que caracterizaron o anterior executivo, o PP aposta por un modelo serio, responsable e centrado nas necesidades reais da veciñanza.

Nun momento marcado polo envellecemento da poboación e polo aumento das desigualdades sociais, o anterior goberno decidiu non actuar. O Partido Popular, pola contra, asume a súa responsabilidade e pon en marcha políticas útiles, afastadas do ruído e da propaganda.

 

As persoas maiores, unha prioridade para o PP

A adhesión do Concello de Ponteareas á Rede de Cidades e Comunidades Amigables coas Persoas Maiores, impulsada pola Organización Mundial da Saúde e coordinada polo IMSERSO, é unha mostra clara do compromiso do Partido Popular co benestar das persoas maiores. Trátase dun paso estratéxico que os anteriores gobernos foron incapaces de dar, a pesar das necesidades evidentes deste colectivo.

Esta incorporación permitirá realizar un diagnóstico participativo coa implicación directa das persoas maiores e elaborar un Plan de Acción municipal rigoroso, orientado a mellorar a accesibilidade, a mobilidade, os servizos públicos, a participación social e a loita contra a soidade non desexada.

Fronte aos anuncios baleiros do pasado, o PP aposta por políticas avaladas por organismos internacionais e baseadas en datos e planificación.

 

A infancia deixa de ser unha promesa incumprida

Coa aprobación do Plan de Infancia, o Partido Popular demostra que o futuro de Ponteareas importa. Tras anos de inacción e proxectos sen contido real, o municipio contará cunha folla de ruta clara para garantir os dereitos, a protección e as oportunidades das nenas e nenos.

Este plan supón un cambio profundo na maneira de entender as políticas públicas: menos ideoloxía e máis xestión, menos titulares e máis resultados.

 

Reparar os erros herdados: a Praza Bugallal

A situación da Praza Bugallal é un exemplo paradigmático da mala xestión do anterior goberno de esquerdas. Un espazo público convertido nunha illa de calor, con exceso de cemento, materiais inadecuados e ausencia total de sombras, que resulta impracticable durante boa parte do ano e especialmente prexudicial para as persoas maiores.

O Partido Popular non eludimos os problemas herdados. Pola contra, traballamos xa en solucións reais para renaturalizar os espazos públicos, combater as altas temperaturas e devolver ás prazas a súa función como lugares de convivencia, seguridade e benestar.

 

O modelo do Partido Popular: xestión, planificación e persoas

Fronte ao urbanismo de escaparate e ás políticas sociais inexistentes do pasado, o Partido Popular aposta pola planificación, pola escoita activa da veciñanza e pola boa xestión dos recursos públicos.

“Gobernar é asumir responsabilidades e tomar decisións pensando no interese xeral. En Ponteareas iniciamos unha nova etapa baseada na seriedade, no compromiso social e na mellora real da calidade de vida da veciñanza”, sinalou a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana.