PONTEAREAS CONSOLÍDASE COMO REFERENTE GALEGO EN TRANSFORMACIÓN DIXITAL

Ponteareas, 18 de decembro de 2025. — O Concello de Ponteareas, baixo o liderado da alcaldesa Nava Castro Domínguez, foi recoñecido pola Xunta de Galicia como exemplo de boas prácticas en innovación e modernización da administración local, durante a xornada “Cara á Transformación Dixital: plans locais de I+D+I”, celebrada na Cidade da Cultura de Galicia.

Durante o encontro, a alcaldesa participou nunha mesa redonda sobre innovación local, na que explicou o proceso de transformación impulsado polo goberno municipal nos últimos dous anos e medio. Un cambio profundo que permitiu pasar dun concello arruinado, obsoleto e atrapado nunha burocracia que prexudicaba gravemente á veciñanza, a unha administración moderna, áxil e útil para as persoas.

“Cando chegamos ao goberno atopamos un Concello paralizado, con servizos obsoletos e unha xestión que incluso chegou a provocar cortes de luz por falta de pagamento. Puxémonos mans á obra para devolverlles aos veciños e veciñas unha administración eficaz”, sinalou Nava Castro.

Entre os principais avances acadados destacan a dixitalización de máis do 90 % dos trámites municipais, a reducción significativa de trámites administrativos, o fin das colas interminables, a implantación do pagamento con tarxeta, así como maiores facilidades para a cidadanía e menos custos de desprazamento.

O goberno municipal tamén levou a cabo a modernización integral do Conservatorio Municipal de Música, a creación de novas canles de comunicación directa coa veciñanza e o desenvolvemento de proxectos de domotización e atención dixital para persoas maiores no rural, reforzando a igualdade de oportunidades e a cohesión territorial.

Desde o Partido Popular lembramos que a esquerda deixou Ponteareas paralizada durante oito anos, protagonizando a peor xestión política da súa historia, fronte aos dous anos e medio de estabilidade, proxectos e progreso que vive hoxe o municipio.

“Agora atopámonos cun extremismo político que tenta boicotear cada avance e cada proxecto para Ponteareas, pero non imos deter o camiño iniciado”, subliñou a alcaldesa.

Desde o Partido Popular de Ponteareas reafirmamos o noso compromiso de seguir traballando por un concello moderno, dinámico e cheo de oportunidades, apostando polo progreso, a innovación e a mellora dos servizos públicos fronte ás prohibicións e á confrontación.

Hoxe Ponteareas volve avanzar, con proxecto, liderado e feitos.