Ponteareas, 18 de decembro de 2025.– O auditorio municipal de Ponteareas acolleu a celebración da I edición dos Premios Menina Sarmiento – Ponteareáns Distinguidos/as, unha gala cargada de emoción que marcou un fito na historia recente da vila ao recoñecer publicamente a persoas e colectivos que contribúen de maneira destacada ao seu progreso e prestixio.
Durante o acto tiveron lugar dous momentos especialmente significativos: a presentación da figura da Menina Agustina Sarmiento, elaborada por Sargadelos, ponteareá e protagonista do cadro de Velázquez, e a entrega dos galardóns ás persoas e entidades premiadas, exemplos do compromiso, talento e orgullo ponteareán.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro Domínguez, destacou durante a súa intervención que estes premios “nacen coa vontade de agradecer e visibilizar a quen constrúe día a día unha Ponteareas mellor”, subliñando a importancia de recoñecer o labor daqueles que contribúen a fortalecer a identidade, a historia e o futuro do municipio.
Premiados/as 2025
-
Cultura: Rancho de Reis de Guláns
-
Ensino: FANPO Condado Paradanta – A Louriña
-
Compromiso Social: Avelaíña
-
Inclusión: Jorge Rodríguez
-
Empresa: Don Disfraz / Costumalia
-
Deportes: Melania Rodríguez
-
Nova Promesa: Damián Rodríguez
-
Embaixada de Ponteareas: Asociación de Alfombristas Corpus Christi
-
Emigración: Irmáns Rodríguez Sobral
-
Mención especial: Francisco González Groba
O evento serviu para unir historia, identidade e futuro, reforzando o sentimento de orgullo de pertenza á vila de Ponteareas.
Desde o Partido Popular de Ponteareas reafírmase o compromiso de seguir apoiando iniciativas que fomenten a unión da veciñanza e poñan en valor o talento e o esforzo da terra.
Ao mesmo tempo, o PP de Ponteareas quere manifestar o seu malestar pola falta de respecto e polo intento de boicot ao acto por parte dos partidos da oposición, que pretenderon empregar un evento institucional e aberto á cidadanía como un escaparate político e reivindicativo, unha actitude que tamén se está a reproducir co chamamento ao boicot da carreira da San Silvestre.
Desde o PP lémbrase que Ponteareas precisa unidade, construción e diálogo fronte a unha esquerda instalada na confrontación e na división social, afastada de sumar polo ben común do pobo.


