Ponteareas, 1 de decembro de 2025. O Goberno municipal de Ponteareas, liderado pola alcaldesa, Nava Castro, presentou a terceira edición de Talento Xove, un programa que segue a consolidarse como referencia estratéxica nas políticas municipais impulsadas polo PP en materia de xuventude e participación cidadá. A través desta iniciativa, a Concellaría de Xuventude que dirixe Cristian Montes Estévez, reafirma o compromiso do Partido Popular por situar ás persoas no centro das políticas públicas e por ofrecer oportunidades reais de desenvolvemento á xuventude.
Durante a presentación púxose en valor o notable crecemento do certame, que o ano pasado superou as 550 inscricións, un dato que demostra —como salientou o Goberno municipal— que as políticas do PP funcionan cando se poñen os recursos ao servizo da cidadanía. O éxito desta proposta tamén evidencia a capacidade de xestión e cooperación institucional impulsada polo Partido Popular, que fortalece a cohesión territorial e permite acelerar proxectos culturais e educativos que ata agora non existían ou quedaban sen continuidade.
De cara á edición de 2026, o programa incorpora dúas novas categorías —patinaxe artístico e interpretación— unha ampliación que responde ao modelo de gobernanza do PP: escoitar á veciñanza, detectar necesidades reais e actuar con eficacia. A nova categoría de interpretación está vinculada ao obradoiro de teatro promovido polo Goberno, demostrando que Ponteareas conta hoxe con políticas culturais estruturadas, sostidas e pensadas para medrar no tempo, e non con iniciativas illadas ou improvisadas.
Un dos avances máis destacados é a creación de “Aínda estás a Tempo”, un concurso paralelo para persoas adultas que queiran compartir o seu talento nas mesmas modalidades. Con esta proposta o PP reforza a súa aposta por políticas interxeracionais, inclusivas e baseadas na participación activa; políticas que entenden a cultura como un motor de cohesión social e como un elemento clave para reforzar o orgullo, a identidade e o dinamismo comunitario.
Con estas novidades, o PP de Ponteareas reafirma que Talento Xove é moito máis ca un concurso: é unha visión de futuro baseada na mellora continua, na apertura a novas disciplinas e na vontade de construír un municipio moderno, vivo e participativo. O programa —xunto con “Aínda estás a Tempo”— confirma que o Goberno está a transformar Ponteareas con políticas que funcionan, que ofrecen resultados medibles e que sitúan á cidadanía no centro da acción pública.


