Ponteareas consolídase como referente en atención oncohematológica próxima e humana

Ponteareas, 1 de decembro de 2025.– O conselleiro de Sanidade puxo en valor o traballo do Centro de Saúde de Ponteareas, destacándoo como un dos servizos pioneiros en Galicia en achegar os tratamentos oncohematológicos á cidadanía. Esta iniciativa innovadora permite que pacientes que anteriormente debían desprazarse a hospitais de referencia poidan recibir agora os seus tratamentos nunha contorna máis próxima, cómodo e familiar.

Grazas a este modelo asistencial descentralizado, o centro ofrece unha atención máis personalizada e adaptada ás necesidades de cada paciente, reforzando a humanización dos coidados e reducindo as barreiras xeográficas no acceso a terapias esenciais.

Más de medio centenar de persoas beneficiáronse xa deste avance, que está a marcar un antes e un despois na calidade asistencial da área. Coa implantación destes novos servizos, Ponteareas consolídase como un exemplo de proximidade, profesionalidade e progreso sanitario ao servizo dos seus veciños e veciñas.

Desde o Partido Popular seguimos traballando para ofrecer novos servizos públicos aos veciños e veciñas, motivo polo que consideramos necesario un novo Centro de Saúde máis amplo e con capacidade para albergar prestacións adicionais que demandan os pacientes do municipio. A recente creación da unidade de Saúde Mental obrigou a reestruturar os vestiarios e consultas dos profesionais sanitarios para poder ofrecer este servizo, deixando en evidencia que o actual centro, con máis de trinta anos desde a súa construción, quedouse obsoleto para a ampliación de novas áreas asistenciais.

A alcaldesa, Nava Castro, agradece á Consellería de Sanidade “o seu compromiso para seguir avanzando e mellorando os servizos sanitarios dos nosos veciños e veciñas”, destacando que esta colaboración institucional é clave para continuar ampliando a carteira de servizos dispoñibles en Ponteareas.

Pola súa banda, a doutora e xefa do servizo do Centro de Saúde, Dra. Raquel Plana, fixo fincapé na importancia de “seguir avanzando e mellorando a atención a todos os pacientes”, e expresou o seu agradecemento “ao apoio constante da Xerencia da área Sanitaria de Vigo e ao traballo profesional de todas as traballadoras e traballadores do centro”, cuxo esforzo diario fai posible a mellora continua do servizo.