Ponteareas, 28 de novembro de 2025 — O Partido Popular de Ponteareas denuncia de maneira enérxica o comportamento “absolutamente inaceptable” de BNG, PSOE e Podemos no pleno deste martes, un comportamento que tivo como único obxectivo reventar a sesión, impedir o debate democrático e dinamitar a aprobación dun orzamento esencial para o municipio.
O PP lembra que durante a folga do SAF o Goberno respectou sempre a protesta, pero o sucedido no salón de plenos “foi outra cousa”:
interrupcións constantes, unha estratexia coordinada para impedir a palabra da Alcaldía e unha utilización deliberada da tensión social para tentar dobregar á Presidencia.
“A oposición cruzou todas as liñas: pretendeu imporse a berros, intimidar e bloquear a institución”
Para o Partido Popular, o comportamento da oposición non só foi obstrutivo, senón que “descendeu a un nivel impropio dunha democracia local madura”.
Desde o PP cómpre sinalar, ademais, que a alcaldesa foi obxecto de actitudes, insultos e expresións “especialmente desprezativas, cargadas dun ton que evidencia unha falta de respecto que dificilmente se atreverían a dirixir a un alcalde home”.
“O que fixeron non é oposición: é acoso político. É tentar sabotear o funcionamento do Concello porque non aceptan que perderon as eleccións”.
O PP avala a decisión de continuar o pleno a porta pechada
Tras tres chamadas á orde e ante o bloqueo evidente da sesión, a Alcaldía retomou o pleno a porta pechada.
O PP afirma que esta decisión foi “a única posible ante unha oposición empeñada en dinamitar a legalidade e impedir que Ponteareas poida avanzar”.
“Non imos tolerar máis chantaxes nin espectáculos indignos”
O Partido Popular anuncia que impulsará as medidas necesarias para que episodios coma este non se repitan e acusa á oposición de ter convertido o pleno nunha “estratexia de crispación permanente que prexudica aos veciños e paraliza o municipio”.
“Ponteareas non merece isto. Non merece berróns, nin acoso, nin a desgana destructiva de quen só busca boicotear. O PP seguirá defendendo a estabilidade, o respecto institucional e a autoridade democrática da Alcaldía con firmeza e sen complexos”.


