Ponteareas, 26 de novembro de 2025. A Fiscalía de Área de Vigo vén de comunicar a súa resolución sobre a denuncia presentada pola CIG o pasado 24 de outubro en relación co Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O órgano fiscal decreta o arquivo das dilixencias, ao non atopar nin un só indicio de delito, nin sequera posibilidade de recurso. Un pronunciamento categórico que confirma que o Goberno actuou con plena corrección e dentro da legalidade.
Desde o Partido Popular de Ponteareas consideramos esta resolución unha proba clara de que as acusacións lanzadas pola CIG e amplificadas por determinados grupos da oposición non tiñan máis fundamento que o de alimentar o conflito político e intentar erosionar ao Goberno con insinuacións infundadas.
A Fiscalía recolle expresamente que:
“La documentación remitida pone de manifiesto que por parte del Concello se desarrolló una actividad de vigilancia del adecuado cumplimiento del contrato (…) sin que se pueda apreciar una conducta omisiva prevaricadora, sino un intento de encauzar la actuación de la adjudicataria a las exigencias de los pliegos de condiciones y del contenido del contrato suscrito.”
E conclúe, de forma inequívoca:
“o arquivo destas dilixencias de investigación penal por non apreciarse que presente caracteres de delito”.
A oposición queda sen argumentos
Os feitos son claros: o Goberno actuou con dilixencia, con control exhaustivo do servizo e con responsabilidade institucional, exactamente o contrario do que difundiron a CIG e os grupos da oposición. As súas acusacións —sen rigor, sen datos e sen ningún sustento xurídico— quedan hoxe completamente desactivadas.
Resulta evidente que algúns grupos municipais preferiron construír un relato baseado na sospeita e na manipulación antes que contrastar información ou contribuír a mellorar o servizo. A súa estratexia non foi axudar, nin fiscalizar con seriedade: foi tentar provocar un desgaste político a calquera prezo, mesmo a costa de bloquear o funcionamento do Concello e poñer en dúbida o traballo dos profesionais.
Comportamentos irresponsables e tácticas de desgaste
Non podemos seguir tolerando unha oposición que basea a súa acción política no ruído permanente, no boicot sistemático e nunha actitude que roza a intimidación. É profundamente preocupante que algúns representantes opten pola confrontación constante, desprezando o diálogo e convertendo o Pleno nun escenario de tensión artificial creada coa única finalidade de obstaculizar.
Quen recorre á crispación para suplir a falta de argumentos está renunciando á responsabilidade que lle encomenda a cidadanía.
Compromiso co respecto e co bo funcionamento institucional
Desde o Partido Popular reiteramos a nosa condena máis firme contra calquera forma de violencia ou agresividade política, sexa verbal, simbólica ou de presión. A defensa das ideas pode ser contundente, pero nunca debe caer no ataque persoal nin na distorsión deliberada da verdade. A veciñanza de Ponteareas merece institucións que funcionen con orde, respecto e espírito democrático, e non unha oposición instalada no “non” permanente e na deformación dos feitos.
Seguiremos traballando con transparencia, rigor e responsabilidade, porque, fronte a quen aposta pola crispación, nós apostamos por Ponteareas.





