A alcaldesa Nava Castro e a concelleira Raquel Plana destacan a resposta activa do Goberno popular ante o aumento das mulleres atendidas no CIM e a aposta pola prevención e a coordinación institucional
Ponteareas, 12 de novembro de 2025.– O Goberno municipal encabezado pola alcaldesa Nava Castro, presentou onte a campaña “Detecta e Actúa”, unha iniciativa que reforza o noso compromiso coa igualdade e a loita contra a violencia de xénero.
A acción, que se desenvolve en colaboración coa Universidade de Vigo e coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra, chega nun momento no que 229 mulleres acudiron por primeira vez ao Centro de Información á Muller (CIM) durante o último ano, das cales 128 son vítimas de violencia de xénero.
Unha campaña centrada nas persoas e na prevención
A concelleira de Benestar Social, a Popular Raquel Plana, salienta que “a violencia contra as mulleres segue sendo unha realidade que nos interpela a todas e todos. Previr e detectar é esencial para protexer. Desde o gonerno reforzamos o noso compromiso cunha resposta integral para identificar sinais e actuar”.
A campaña, deseñada polo alumnado do Máster en Dirección de Arte en Publicidade da Universidade de Vigo, pon o foco nas mulleres migrantes, pero tamén pretende implicar a toda a cidadanía como axente activo na detección e actuación ante calquera indicio de violencia.
Un compromiso real e continuado
Baixo o liderado da alcaldesa Nava Castro, o Partido Popular consolidou unha política de igualdade transversal e coordinada, coa posta en marcha de accións pioneiras como:
-
O arco da vella virtual de apoio a persoas LGTBI+.
-
A actualización do Plan de Igualdade de Oportunidades do Persoal Municipal, con formación específica.
-
A creación de protocolos internos comúns ante posibles casos de violencia de xénero.
“A igualdade é unha prioridade para o noso Goberno. É unha política transversal que require compromiso, coordinación e empatía. Só así avanzaremos como sociedade”, subliñou a alcaldesa Nava Castro.
Liñas de traballo e obxectivos
A campaña “Detecta e Actúa” enmárcase dentro do Plan Local de Igualdade 2025–2026 e articúlase arredor de catro eixos principais:
-
Formación e detección temperá para persoal municipal, educativo e sanitario.
-
Sensibilización social e comunicación, con accións en redes e nos días 8M e 25N.
-
Educación e mocidade, mediante obradoiros sobre respecto e relacións sans.
-
Coordinación institucional con forzas de seguridade e servizos municipais.
Cifras que avalan as nosa política local
Durante o último ano, o CIM de Ponteareas, dirixido polo equipo municipal da concelleira Raquel Plana, realizou 421 atencións integrais a vítimas de violencia de xénero, ademais de 139 informacións sobre recursos e 100 asesoramentos xurídicos.
A Garda Civil rexistrou entre 300 e 350 intervencións anuais, cunha media de 280 casos activos xestionados polo equipo VIOGÉN, dos que Ponteareas representa ata un 50% do total da comarca.
Próximas accións
O 25 de novembro, o Goberno organizará un acto institucional coa lectura dun manifesto conxunto e un coloquio polo 20º aniversario da Lei Orgánica 1/2004, ademais da presentación do VI Plan Local de Igualdade de Oportunidades (2025–2026).
Este grupo de goberno continuará reforzando a mensaxe de igualdade e respecto noutras datas clave como o 8M, o 28J e o próximo 25N.
Nava Castro: “A igualdade é unha prioridade do Partido Popular no Goberno”
“Cada área e cada profesional municipal teñen un papel na loita contra a violencia de xénero. O noso Goberno traballa con rigor, empatía e compromiso real. Non son só palabras, son feitos”, afirmou a alcaldesa Nava Castro, destacando o liderado do Partido Popular de Ponteareas na defensa das políticas de igualdade e protección ás vítimas.


