PONTEAREAS DÁ UN PASO ADIANTE COA NOVA DEPURADORA MUNICIPAL DA MOSCADEIRA

A posta en marcha da nova estación depuradora de augas residuais supón un avance histórico para o saneamento e a sustentabilidade do municipio

Ponteareas, 7 de novembro — A alcaldesa Nava Castro, celebrou a posta en marcha da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Moscadeira, unha infraestrutura fundamental para o presente e o futuro da vila. A nova depuradora permitirá mellorar o tratamento das augas residuais, avanzar na protección ambiental e garantir un servizo eficiente e sostible para toda a cidadanía.

A execución da obra foi posible grazas á súa declaración de interese xeral nos Presupostos Xerais do Estado, aprobados polo Goberno de Mariano Rajoy, cuxa tramitación se iniciou o 3 de abril de 2018 e se aprobou definitivamente o 28 de xuño dese mesmo ano cos votos en contra do PSOE.

A alcaldesa Nava Castro destacou que este proxecto “marca o inicio dun novo tempo para Ponteareas, cunha aposta decidida polo ciclo integral da auga”. Segundo sinalou, o Concello está a impulsar investimentos por máis de 18 millóns de euros destinados ao saneamento de todas as parroquias, “un paso decisivo para mellorar a calidade de vida, a sustentabilidade e o futuro do municipio”.

A rexedora tamén quixo aclarar as informacións difundidas por grupos da oposición, lembrando que “mentres o actual Goberno local traballa por mellorar os servizos e garantir financiamento estable, o BNG e o PSOE pactaron que os veciños e veciñas teñan que devolver durante 25 anos o préstamo para realizar a obra, no canto de asumir o custo como fixo o Estado noutros municipios, como Vigo”.

“Sabemos que ao BNG non lle gustan os datos, pero ante as falsidades hai que responder con feitos. Esta depuradora é froito dun compromiso real co futuro de Ponteareas”, concluíu Nava Castro.