O PARTIDO POPULAR RECUPERAMOS A XESTIÓN EFICAZ E RESPONSABLE QUE O BNG-PSOE DESATENDEU EN PONTEAREAS

Por primeira vez, o Concello contrata unha empresa local para executar as limpezas subsidiarias, un compromiso do PP coa seguridade e o medio ambiente

Ponteareas, 6 de novembro de 2025. – O actual goberno municipal encabezado pola alcaldesa Nava Castro, continúa demostrando que outra forma de gobernar é posible: con eficacia, responsabilidade e compromiso coa veciñanza. Proba diso é a contratación dunha empresa local para realizar as execucións subsidiarias de limpeza e roza de fincas, algo que o anterior goberno do BNG-PSOE foi incapaz de poñer en marcha a pesar da urxencia desta medida para garantir a seguridade do municipio moi castigado polos lumes.

Durante anos, o bipartito BNG-PSOE acumulou retrasos, inacción e descoordinación na aplicación das políticas de limpeza de fincas e prevención de incendios, deixando sen resposta moitas denuncias veciñais e provocando unha situación de risco en varias zonas do termo municipal. Fronte a esa deixadez, o PP aposta pola xestión eficiente e polo apoio ao tecido empresarial local.

Esta iniciativa forma parte da nova ordenanza municipal de xestión e limpeza de fincas e montes, aprobada polo actual executivo popular para reforzar a prevención de incendios forestais, mellorar a seguridade nas vivendas e promover un Ponteareas máis limpo e sostible. A normativa obriga a manter as parcelas libres de especies pirófitas antes do 31 de maio de cada ano e permite ao Concello actuar de oficio en caso de incumprimento.

Esta semana estanse a executar as sete primeiras actuacións, logo dun proceso que fora paralizado polo anterior goberno. Nas próximas semanas o Concello continuará priorizando as zonas de maior risco, cumprindo así un compromiso claro do Partido Popular coa veciñanza.

A concelleira de Medio Ambiente, Silvia Fdez. Táboas, destacou que “o PP está a devolver a Ponteareas unha xestión seria e eficaz. Onde antes había desorde e abandono, hoxe hai planificación, cumprimento e resultados”.

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro subliñou que “o noso obxectivo é recuperar o tempo perdido. Mentres o BNG e o PSOE convertían a administración nun obstáculo, nós apostamos pola axilidade, pola colaboración coas empresas locais e pola protección do noso entorno. Este é o compromiso do Partido Popular con Ponteareas: traballo, transparencia e feitos”.