IMPULSAMOS UNHA NOVA CANLE DE WhatsApp PARA REFORZAR A COMUNICACIÓN COA VECIÑANZA

Ponteareas, 6 de novembro de 2025.– O Goberno local de Ponteareas, liderado pola alcaldesa popular Nava Castro, continúa dando pasos firmes no proceso de modernización e transformación dixital do Concello coa posta en marcha dunha nova canle de comunicación a través de WhatsApp, pensada para achegar á cidadanía toda a información municipal de maneira rápida, sinxela e directa.

Esta medida enmárcase na aposta decidida do actual goberno por situar Ponteareas á vangarda das administracións locais modernas, deixando atrás anos de atraso tecnolóxico e falta de ferramentas dixitais. Grazas ao impulso do novo Goberno, a vila vive unha etapa de rexeneración e eficiencia, orientada a poñer os servizos municipais ao servizo real das persoas.

A través desta nova canle, a veciñanza poderá recibir no seu móbil notificacións, novidades e información de interese sobre cursos, actividades, eventos e avisos municipais, sen necesidade de acceder a outras plataformas. O servizo é gratuíto e voluntario, e poderá activarse facilmente mediante unha ligazón dispoñible na web e nas redes sociais do Concello.

“O noso compromiso é facer de Ponteareas un referente en innovación e transparencia, cun Concello próximo, moderno e eficiente. O PP está a demostrar que se poden facer as cousas doutra maneira: con xestión, con visión e co obxectivo claro de mellorar a vida da xente”, destacou a alcaldesa Nava Castro.

Con esta nova ferramenta, desde o Partido Popular reafirmamos o noso compromiso coa modernización, a participación cidadá e a comunicación directa, consolidando un modelo de administración aberta, dixital e centrada nas persoas.