Ponteareas, 4 de novembro de 2025. A moza do Partido Popular de Ponteareas, Laura Tato Estévez, protagonizou esta fin de semana una das intervencións máis destacadas do 7º Congreso Local do PP, cun discurso centrado no papel da mocidade como motor do presente e do futuro do municipio.
Cun ton firme e comprometido, Tato defendeu que “chegou o momento de pasar das palabras aos feitos, das promesas baleiras ás oportunidades reais”, subliñando a necesidade de que as administracións sigan apostando por políticas útiles e eficaces, “como as que está a impulsar o Goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia e o equipo de goberno popular de Ponteareas”.
Durante a súa intervención, a moza popular articulou a súa proposta ao redor de tres grandes eixos: emprego, vivenda e educación, piares que, segundo destacou, “deben ser a base sobre a que construír un futuro de oportunidades para a mocidade ponteareá”. “Queremos traballo digno, estabilidade e opcións para poder desenvolver os nosos proxectos de vida aquí, en Ponteareas”, afirmou Tato, destacando a importancia de “seguir apoiando ás empresas que contraten mozas e facilitar o emprendemento con formación, asesoramento e financiamento real”.
En materia de vivenda, Tato reclamou medidas concretas e valentes que faciliten a emancipación xuvenil, como a rehabilitación de vivendas baleiras, bonificacións fiscais para a primeira vivenda e colaboracións público-privadas para a construción de vivenda protexida. “A vivenda non pode ser un luxo. Debe ser un dereito que permita aos mozos desenvolver a súa vida aquí, sen ter que marcharse”, sinalou, lembrando que “fronte á inacción do Goberno central, os gobernos do Partido Popular están a ofrecer respostas reais aos problemas reais”.
No ámbito da educación, Laura Tato defendeu un sistema “que forme no que as empresas demandan, que premie o esforzo e o mérito, e que conecte a educación co tecido produtivo”. Apostou por reforzar a formación profesional dual, a educación tecnolóxica e dixital, e a colaboración entre universidade e empresa, poñendo en valor a política educativa da Xunta de Galicia baixo o liderado de Alfonso Rueda. “Investir en educación non é un gasto: é investir no futuro de Galicia e no progreso de Ponteareas”, subliñou.
Tato tamén propuxo a creación de espazos de innovación e emprendemento xuvenil, programas culturais e tecnolóxicos que impulsen o talento local, e un plan de retorno do talento galego. “O talento non é só coñecemento, é paixón, esforzo e compromiso. E a nosa mocidade ten dabondo”, asegurou, destacando que Ponteareas é “un exemplo do compromiso do PP coa mocidade, con iniciativas como os obradoiros de emprego, a residencia de artistas ou os programas de talento novo entre outros”.
Finalmente, fixo un chamamento á elaboración dun Plan Municipal de Mocidade “que escoite e dea voz aos mozos”. “Gobernar é pensar no futuro, e o futuro ten nome propio: mocidade. Os mozos non queremos ser só o futuro, queremos ser o presente, participar, decidir e construír. E desde o Partido Popular estamos a facelo con dúas concellerías do goberno municipal moi importantes en mans de dous mozos como Silvia Fernández e Francisco Jesús Represas, un claro exemplo de que apostamos pola mocidade”, concluíu.


