Ponteareas, novembro de 2025.
A Concellería de Ensino, dirixida por Ricardo González, pon en marcha ao longo deste mes unha ampla programación de actividades didácticas e creativas dirixidas ao alumnado dos doce centros educativos da vila.
Con esta iniciativa, o Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso coa educación pública como piar fundamental do desenvolvemento social, cultural e económico do municipio. O obxectivo é avanzar cara a un modelo educativo máis participativo, vivencial e innovador, que complemente o traballo das aulas e fomente o talento, a curiosidade e o espírito crítico do alumnado.
As propostas, adaptadas a diferentes etapas educativas, combinan aprendizaxe, creatividade e coñecemento do entorno:
-
“Ciclo da Auga”, actividade práctica e demostrativa sobre o ciclo natural da auga e a importancia da súa conservación, en colaboración coa Comunidade de Usuarios de Augas de Parada-Rocha (Xinzo).
-
Exposición “Os Monos de Laxeiro”, unha mostra dedicada á faceta máis humorística do pintor galego, con obradoiros de viñetas e visitas guiadas para estudantes maiores de 12 anos.
-
Micro Obradoiro de Iniciación aos Micro-relatos, centrado na escrita breve e na expresión concisa, dirixido ao alumnado de Secundaria.
-
Programa “Emprendetea”, orientado a mozos e mozas de 17 a 19 anos, co propósito de fomentar o espírito emprendedor, o traballo colaborativo e a capacidade de innovación.
Segundo destacou o concelleiro de Ensino, Ricardo González Alonso,
“Estas actividades procuran ofrecer ao alumnado novas formas de aprender, máis prácticas, creativas e conectadas coa realidade, ao tempo que se pon en valor o patrimonio cultural e natural da nosa vila. A educación é unha responsabilidade compartida, e desde o goberno local queremos seguir colaborando cos centros e coas ANPAS para crear oportunidades reais de aprendizaxe e participación”.
Esta programación dá continuidade ao traballo iniciado a comezos de curso nas reunións mantidas coas direccións dos centros educativos e coa Federación de ANPAs do Condado Paradanta e Louriña, nas que se recolleron propostas e necesidades para fortalecer a coordinación e mellorar a oferta educativa municipal. O Partido Popular de Ponteareas reafirma así a súa aposta por unha educación pública de calidade, inclusiva e transformadora, que impulse a igualdade de oportunidades e contribúa á formación dunha mocidade máis libre, crítica e comprometida co seu entorno.
Porque investir en educación é investir no futuro de Ponteareas.


