Andrés Sampedro fixo balance da etapa do Partido Popular de Ponteareas no VII Congreso Local, no que foi proclamada María Nava Castro como nova presidenta

Ponteareas, 4 de novembro de 2025.
O Partido Popular de Ponteareas celebrou este domingo o seu VII Congreso Local, unha cita que serviu para facer balance de sete anos de traballo político e organizativo, e que marcou o inicio dunha nova etapa coa proclamación de  Nava Castro Domínguez como presidenta local da formación.

O secretario xeral do PP ponteareán, Andrés Sampedro, foi o encargado de abrir o acto cun discurso no que repasou os principais logros e retos superados polo partido desde o anterior congreso, celebrado o 17 de marzo de 2018. “Aquel foi o punto de partida dunha nova etapa —lembrou—, a que hoxe chega á súa culminación. Sete anos despois, e tras moito traballo, esforzo e compromiso colectivo, a militancia volve ter a palabra”.

Sampedro destacou que o partido “soubo aprender dos erros, reforzar a súa unidade e recuperar a confianza dos veciños”. Lembrou que, despois dun período de dificultades e cambios, “no 2023 Ponteareas volveu confiar no Partido Popular, e fixérono con Nava Castro á fronte”.

“É unha muller da casa, con experiencia, con enerxía e coa valentía necesaria para asumir os grandes retos que temos por diante”, afirmou. “Exerce a política con sentido común, con traballo e pensando sempre no ben dos nosos veciños”.

Un partido próximo, unido e útil

No seu balance, o secretario xeral fixo fincapé na transformación vivida polo PP local nos últimos anos: “Cambiou o pobo, cambiou a economía, cambiou a maneira de comunicar… e tamén de gobernar. E nós tamén cambiamos: aprendemos a escoitar máis, a estar preto da xente, das asociacións e das empresas”.

Segundo destacou, a organización popular en Ponteareas apostou por unha política útil e pegada ao territorio, centrada en “facer cousas que melloren o día a día dos veciños”, como a dinamización do comercio local, o apoio ás empresas e o impulso de proxectos que xeren actividade económica.

“A política útil non é a que se grita, senón a que se fai. E iso nótase”, afirmou Sampedro, quen puxo en valor o traballo “serio e responsable” do equipo de goberno municipal encabezado por Nava Castro.

Reivindicacións e firmeza ante as administracións

O secretario xeral tamén lembrou o papel reivindicativo do Partido Popular de Ponteareas en cuestións clave para o municipio. “Plantámonos cando fixo falta”, dixo, citando como exemplos a defensa da mellora da N-120, as actuacións en seguridade viaria e as reclamacións ao Estado “para obter as infraestruturas e servizos que Ponteareas precisa”.

“Esa é a política de verdade: estar ao carón dos veciños, esixir solucións e non renderse”, sinalou. “Non foi un camiño doado. Houbo tensións, críticas, incluso inxustizas. Pero sempre respondemos con transparencia, serenidade e feitos. Porque este partido débese á cidadanía e á súa confianza”.

Sampedro insistiu en que o Partido Popular “é unha organización aberta a todos aqueles que queiran sumar, pero tamén esixente co compromiso e o traballo”. “Aquí non sobra ninguén que queira sumar —engadiu—, pero tampouco hai sitio para quen se acomoda. Somos un partido de traballo, non de escusas”.

Nava Castro, novo liderado e nova etapa

O momento central do Congreso foi a proclamación de María Nava Castro Domínguez como nova presidenta local do Partido Popular de Ponteareas, cargo que asume tras ser alcaldesa e ter unha ampla traxectoria na administración autonómica.

Sampedro expresou o seu total apoio á nova presidenta e amosou a súa confianza no liderado de Castro:

“Chegas con experiencia, coñecemento e coa enerxía que dá o amor pola túa terra. Sabes que contas comigo e co apoio de moitos compañeiros que queren o mesmo ca ti: un Ponteareas mellor”.

O dirixente popular cualificou este congreso como un punto de inflexión para “reforzar a unidade interna, renovar a ilusión e continuar a proxectar un proxecto político baseado no traballo e na honestidade”.

Un compromiso renovado coa veciñanza

Na parte final da súa intervención, Andrés Sampedro apelou á responsabilidade colectiva e pediu á militancia tres valores fundamentais para o novo tempo: unidade activa, traballo constante e respecto mutuo.

“Unidade activa significa remar todos na mesma dirección, sen mirar atrás; traballo constante, porque os resultados non chegan sós: hai que saír á rúa, escoitar, explicar, convencer; e respecto mutuo, porque os equipos fortes constrúense coa confianza e co recoñecemento a quen traballa”, explicou.

O secretario xeral tamén defendeu que a política local é “a que cambia a vida da xente”, recordando que son as “solucións pequenas” as que teñen “un gran impacto no día a día dos veciños”.

“Se traballamos xuntos, con humildade, con paixón e co orgullo de pertencer a este gran partido, non haberá meta que se nos resista”, concluíu, antes de pechar o seu discurso coa tradicional mensaxe de ánimo:
“¡Viva Ponteareas! ¡Viva o Partido Popular! ¡E viva Nava!”