Ponteareas, 3 de novembro de 2025.– O Auditorio Reveriano Soutullo acolleu onte a celebración do 7º Congreso do Partido Popular de Ponteareas, un encontro caracterizado pola ampla participación, a ilusión e o compromiso co futuro do municipio.
A mesa do congreso, presidida por Jesús Cao, co secretario Borja Álvarez e a vogal Laura Tato, foi a encargada de dirixir o desenvolvemento da xornada, que incluíu a lectura do Título III de Funcionamento do Congreso.
O acto contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia e do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, do presidente provincial e da Deputación de Pontevedra, Luis Diéguez López, así como da secretaria xeral autonómica, Paula Prado, e da secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro. Tamén participaron numerosos representantes institucionais: deputados nacionais e autonómicos, senadores, alcaldes, concelleiros e membros da Deputación de Pontevedra, aos que o Partido Popular de Ponteareas expresa o seu sincero agradecemento pola asistencia e apoio.
Durante o congreso, a actual alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, única candidatura presentada, foi proclamada presidenta do Partido Popular de Ponteareas por unanimidade.
Ao remate do acto, Nava Castro agradeceu o apoio recibido e destacou o seu compromiso de continuar traballando con dedicación polo benestar de todos os veciños e veciñas:
“É unha honra seguir liderando este proxecto común. Imos continuar traballando con ilusión, proximidade e responsabilidade para que Ponteareas siga avanzando e para que o Partido Popular siga sendo un referente de estabilidade e progreso.”
O Partido Popular de Ponteareas quere agradecer a todos os militantes, simpatizantes e veciños a súa participación e apoio neste día tan significativo para o futuro da organización e do municipio.



