A alcaldesa anuncia o inicio do proxecto integral do ciclo da auga cun investimento de 18 millóns de euros para o saneamento de todas as parroquias
Ponteareas, 31 de outubro de 2025. – “Onte foi un día moi importante para Ponteareas porque despois de moitos anos de demanda e espera temos unha nova depuradora na Moscadeira, unha infraestrutura indispensable para acompañar o presente e o futuro de Ponteareas e que posibilita grandes proxectos como o novo centro de saúde, para o que a Xunta xa ten unha partida reservada no orzamento de 2026”, afirmou a alcaldesa Nava Castro durante o acto inaugural da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR).
No evento participaron tamén o tenente de alcaldesa, a concelleira de Infraestruturas, e membros do goberno municipal, así como representantes das 52 traídas de auga e distintas administracións públicas.
Nava Castro agradeceu a colaboración institucional e destacou a contribución da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, que financiou o 20% do custo das obras, así como o apoio de ACUAES, que adiantou os fondos que o Concello devolverá ao longo de 30 anos.
Desde o Partido Popular denunciamos que é absolutamente inxusto e indignante que o goberno central de Pedro Sánchez obrigue aos veciños a devolver o adianto recibido para financiar esta obra, mentres noutros municipios, como Vigo, non se impuxeron condicións semellantes. Este agravio evidencia un trato desigual e discriminatorio que castiga ao noso concello e aos nosos vecños, obrigándoos a soportar unha carga económica que non lles corresponde.
A alcaldesa agradeceu sinceramente á Xunta de Galicia o seu compromiso, asumindo o 20 % do custo sen esixir devolución algunha, demostrando responsabilidade e sensibilidade coas necesidades reais do municipio.
Pola contra, resulta lamentable que o anterior goberno da Deputación de Pontevedra (PSOE e BNG), presidido por Carmela Silva, se negase a colaborar nunha infraestrutura tan necesaria. Esta falta total de apoio institucional non só freou o avance do proxecto, senón que deixou abandonados aos veciños, obrigándoos agora a pagar as consecuencias dun pacto inxusto e mal negociado polo anterior goberno do BNG-PSOE. Ese pacto é o verdadeiro culpable de que hoxe o custo se repercuta directamente entre os veciños, mentres outros concellos recibiron un trato privilexiado.
“En definitiva, o resultado desta mala xestión é que o Concello —é dicir, todos os veciños— e a Xunta pagan unha obra que debería terse financiado de maneira xusta e solidaria. É hora de reclamar igualdade de trato e de esixir que as decisións políticas non se tomen a costa dos cidadáns, como ocorre coa tasa do lixo imposta polo goberno central”, concluíu a rexedora.
Ademais, Nava Castro anunciou que xa está en marcha o proxecto integral do ciclo da auga, cun investimento de 18 millóns de euros, destinado ao saneamento integral de todas as parroquias. A nova EDAR da Moscadeira beneficiará a unha poboación de máis de 20.000 habitantes equivalentes e, dende setembro de 2025, o Concello de Ponteareas asumiu a xestión da explotación das instalacións. O proxecto incluíu a ampliación e reforma integral da planta, incorporando melloras como:
-
Rehabilitación e ampliación da obra de chegada e pretratamento de augas.
-
Incremento da capacidade de tratamento do reactor biolóxico.
-
Execución dun segundo decantador secundario.
-
Adaptación da liña de auga ao novo caudal máximo de 67.392 m³/día.
Tamén se construíron os Colectores Perimetral Norte e Sur, e rehabilitouse o último tramo do Colector Interceptor do Río Xinzo, cun novo pozo de bombeo conectado á depuradora.
O orzamento total da actuación ascendeu a 14 millóns de euros (IVE incluído), cofinanciados nun 50 % con fondos FEDER (tramo estatal) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE). O Concello de Ponteareas achegou o 30 %, e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia financiou o 20 % restante, en virtude do convenio asinado o 28 de xaneiro de 2022 para a execución, financiamento e explotación das obras.


