CONSEGUIMOS A PRIMEIRA MODIFICACIÓN DO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL, PASO CLAVE PARA O NOVO CENTRO DE SAÚDE DE PONTEAREAS

Ponteareas, 31 de outubro de 2025.– A concelleira popular Silvia Fdez. Táboas informa de que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia vén de notificar ao Goberno de Ponteareas a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Táboas destacou que se trata dun importante fito na xestión municipal, “ao conseguir a primeira modificación do PXOM de Ponteareas. Hai anos que poderiamos ter un novo centro de saúde se o Plan Xeral contemplase solo dotacional, pero o planeamento aprobado no 2021 non cumpría as expectativas inmediatas nin futuras da veciñanza”.

Para desbloquear esta situación, o actual Goberno municipal que lidera Nava Castro, promoveu unha modificación puntual que permite dotar ao municipio dun terreo axeitado para o novo centro de saúde, dado que “no PXOM aprobado polo anterior goberno de esquerdas non existía ningunha reserva de solo coas características que esixía a Xunta para un edificio de 5.000 m²”, explicou a edil.

“O PXOM é un documento vivo, que debe evolucionar coas necesidades reais de Ponteareas. Esta modificación é un exemplo de como se pode avanzar con rigor técnico, planificación e vontade política”, subliña Táboas.


Un paso decisivo cara ao novo centro de saúde

A aprobación definitiva desta modificación supón un avance determinante para que o novo centro de saúde de Ponteareas sexa unha realidade no menor tempo posible. A concelleira de Urbanismo destacou que “con xestión diaria e traballo rigoroso pódense sacar adiante proxectos tan relevantes como este”.

Grazas a esta modificación, a Xunta de Galicia construirá o novo centro sanitario nunha parcela de 5.713 m² situada en solo urbano consolidado, o que facilitará a súa execución.


Previsión orzamentaria

A alcaldesa Nava Castro adiantou que o orzamento municipal para 2026 incluirá unha partida de 600.000 euros para a redacción do proxecto.

O novo centro de saúde substituirá ao actual, que conta con máis de 35 anos de antigüidade e non dispón de espazo suficiente para novos servizos. A intención do Goberno local é que as novas instalacións amplíen as áreas asistenciais e melloren a calidade do servizo sanitario.


Distribución e servizos previstos

O novo centro contará con:

  • 9 consultas de medicina de familia,
  • 11 consultas de enfermería,
  • 2 novas consultas de docencia (MIR e EIR),
  • 1 consulta de farmacia,
  • 2 consultas de saúde bucodental,
  • área de fisioterapia con ximnasio,
  • 4 salas polivalentes,
  • zona de radiodiagnóstico,
  • 2 consultas de matrona,
  • unha consulta para pacientes infecciosos,
  • e sala de educación sanitaria.

Na área pediátrica haberá 2 consultas de pediatría, 2 de enfermería pediátrica, unha sala de observación e tratamento e outra para pacientes respiratorios.

O PAC contará con 3 consultas médicas, 3 de enfermería, sala de reanimación, 2 de observación, 8 dormitorios e 2 novos vestiarios. Ademais, o centro acollerá unha base do 061 con dormitorios e sala de estar.

A Unidade de Saúde Mental disporá de 2 consultas de psiquiatría, 1 de psicoloxía clínica, 1 de enfermería, 1 de traballo social, 1 de docencia e unha sala de actividades grupais, ademais de 4 novas consultas médicas especializadas.


Ampliación do persoal sanitario

O novo centro implicará tamén un incremento do cadro de profesionais:

  • 15 médicos de familia,
  • 3 pediatras,
  • 1 farmacéutico,
  • 15 enfermeiros,
  • 3 TCAE,
  • 8 profesionais de servizos xerais,
  • 2 odontólogos,
  • 1 MIR, 1 EIR,
  • 3 matronas, 3 fisioterapeutas,
  • 1 traballador social e 2 hixienistas.

O PAC contará con 9 médicos e 9 enfermeiros, e a Unidade de Saúde Mental con 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 enfermeira especialista, 1 traballador social e 1 persoal de servizos xerais.


Unha aposta polo futuro da sanidade en Ponteareas

Con esta actuación, o Goberno de Ponteareas e a Xunta de Galicia avanzan conxuntamente para mellorar a atención sanitaria da comarca, ofrecendo unhas instalacións modernas e adaptadas ás necesidades de máis de 40.000 persoas da área de influencia.

Ponteareas con feitos.