A NOVA BIBLIOTECA MUNICIPAL DE PONTEAREAS, MAIS PRETO DE FACERSE REALIDADE

Avanzamos na creación dun moderno espazo cultural grazas ao financiamento europeo do Plan EDIL

Ponteareas, 11 de outubro de 2025. – O Goberno de Ponteareas dá un paso firme cara á creación da nova Biblioteca Municipal, un dos proxectos máis esperados pola cidadanía. Grazas aos fondos europeos do Plan EDIL, o goberno local conseguiu o financiamento necesario para iniciar esta actuación estratéxica, que forma parte dun conxunto de dez proxectos valorados en 11 millóns de euros.

A nova biblioteca estará situada no edificio da actual praza de abastos, un espazo céntrico e emblemático que será completamente renovado. A transformación converterá este edificio nun moderno centro de cultura, lectura e encontro, aberto e accesible para toda a veciñanza.

Antes de dar comezo ás obras, será preciso completar o traslado do mercado municipal á súa nova localización na nave de Aceiros do Tea. As obras neste espazo avanzan segundo o previsto e a súa finalización está estimada para o primeiro trimestre de 2026.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández Táboas, destacou a importancia deste avance para o futuro do municipio:

“Estamos encantados de contar cun financiamento que nos permita iniciar as obras da nova Biblioteca Municipal. Con esta achega poderemos liberar fondos da Deputación de Pontevedra ou da Xunta de Galicia, que estaban reservados para esta actuación en caso de non recibir os fondos Feder.”

Este investimento representa un impulso decisivo para o desenvolvemento cultural e urbano de Ponteareas, reforzando o compromiso municipal coa mellora dos servizos públicos e coa creación de espazos modernos, sostibles e accesibles.

A futura Biblioteca Municipal aspira a ser moito máis que un lugar para libros: será un auténtico centro de coñecemento, innovación e convivencia, onde a cultura e a educación continúen a ser os piares do crecemento da vila.

A Ponteareas que funciona