A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro e a concelleira de Urbanismo, Silvia F. Táboas, supervisaron no parque Ferro-Ucha o replanteo da obras da nova escola infantil municipal. Tamén mantiveron unha reunión coa dirección facultativa da obra; arquitecta, director de execución, xefe de obra e empresa construtora.
A nova escola infantil pública de Ponteareas estará nunha parcela de máis de 2.000m2 na que as nenas e os nenos poderán desfrutar dunha ampla contorna verde. A nova escola municipal contempla seis aulas, sala de usos múltiples, espazo para lavandería, cociña, almacén, despachos para coidadoras/es, vestiario, e un patio exterior de 50 m2. As aulas serán superiores aos 30 m2 con aulas para menores de dous anos que disporán de áreas diferenciadas para descanso e hixiene. Poderase acceder ao patio interior dende todas as aulas, terá un voo con cuberta plana para protexer aos nenos e nenas da incidencia solar directa en caso de altas temperaturas. A escola infantil estará delimitada por un cerramento exterior de malla, delimitando así tres zonas de patio vexetal protexidas. Ao contrario do interior, estes patios terán céspede e árbores para a realización de actividades en contacto coa natureza como a disposición de hortas.
Silvia Fernández, concelleira de Urbanismo, sinala a importancia destas obras historicamente demandadas polas familias do noso concello e que este goberno foi capaz de comezar en menos de dous anos, para que as nenas e os nenos de Ponteareas dispoñan dun espazo agradable, amplo, aberto á contorna natural, actualizado e coas medidas de seguridade requeridas polas normativas actuais. “É fundamental dotar de espazos de calidade para o día a día por iso este goberno insistíu en axilizar as obras máis importantes como as realizadas nos centros educativos e nas aulas do CRA A Picaraña, tamén agora coa redacción do proxecto da nova biblioteca ou a apertura da sede da UNED, edificios que dan vida, que dinamizan e que posibilitan que a nosa infancia e mocidade teñan onde estudar e avanzar”.
Desde este grupo municipal, seguimos cumprindo co noso programa electoral e compromiso coa educación pública para a nosa vila coa construción da nova escola infantil de Ponteareas, dando resposta ás demandas dos pais e nais da vila. Deixamos atrás oito anos de recortes na educación pública por parte do anterior goberno do Bng-Psoe, que será lembrado por pechar aulas na escola infantil e non realizar ningún tipo de investimento na educación pública de Ponteareas.
CRECEMOS XUNTOS