POÑEMOS EN FUNCIONAMENTO O PORTAL TRIBUTARIO MUNICIPAL PARA A UNHA XESTIÓN DIRECTA ENTRE CIDADANÍA E ADMINISTRACIÓN

O Concelleiro de Facenda, Francisco J. Represas, informou da entrada en funcionamento do novo Portal Tributario Municipal (OVT), un novo servizo municipal a través do que se poderá acceder toda a información e normativa en relación aos ingresos públicos do Concello actualizada e xestionar a liquidación e ingreso de taxas e prezos públicos. O  nosos veciños e veciñas poderán declarar, calcular, e  ingresar no mesmo momento a cantidade que deben pagar, dispoñible 24 horas e 365 días ao ano, tendo a cidadanía total autonomía e facilidades no cumprimento das obrigas fiscais.

Desde a OVT, ademais, poderase facer o pago utilizando calquera canle de ingreso habitual e incorpora a opción BIZUM como ferramenta que permite traspasar diñeiro de forma instantánea, cómoda e gratuíta con tan só enviar unha mensaxe desde o móbil; outra funcionalidade prevista será a posibilidade de, previa consulta telefónica co depósito municipal, auto liquidar desde o Portal e ingresar a taxa do guindastre, de forma que o xustificante de pago será válido durante un prazo aproximado de 2 horas para validar a retirada do vehículo.

Ademáis para promover a utilización do Portal está prevista para o 2025 a aprobación dunha bonificación aplicable só no caso de utilizar a OVT para a auto liquidación e ingreso de débeda, reducindo na medida do posible a burocracia, tempo e o trámite presencial nas dependencias municipais.

Desde este Grupo de Goberno, seguimos cumprindo co noso programa electoral votado polos veciños e veciñas de Ponteareas. “Ponteareas Simplifica” ten como obxectivo achegar a administración á cidadanía a través de ferramentas dixitais para minimizar atrasos, cargas administrativas, reducir trámites e evitar duplicidades. “Seguiremos avanzando para que a relación entre administración e cidadanía sexa áxil, doada e cómoda. Ponteareas Simplifica contempla unha batería de accións encamiñadas a dar un servizo útil que evite desprazamentos e permita un control da cidadanía das súas xestións, responsabilidades, obrigas e dereitos”, explicou Francisco Represas.